CxG de Ribeira reclama para o hospital unha base de ambulancia asistencial de soporte vital avanzado

09 Xaneiro 2020

A agrupación ribeirense de Compromiso por Galicia (CxG de Ribeira) que coordina Óscar Casais vén de presentar no rexistro do Concello unha petición para habilitar o emprazamento dunha base permanente de ambulancia asistencial de soporte vital avanzado no Hospital de Barbanza. A petición ten a súa orixe nunha cuestión demográfica que, segundo a agrupación galeguista, cómpre ter en conta para determinar un servizos sanitarios acordes. Segundo advirte CxG de Ribeira, a comarca de Barbanza, xunto con Porto do Son, ten unha poboación duns 80.000 habitantes que se duplica nos meses de verán e nas vacacións de Nadal e Semana Santa. Por este motivo, cómpre dispoñer do máis amplo abano de especialidades en atención avanzada.

“A área de poboación da nosa comarca”, engade a agrupación, “posúe os servizos do Hospital da Barbanza e dos respectivos PAC en cada concello para atender a asistencia sanitaria que se precisa, sendo o Complexo Hospitalario Universitario de Compostela a área hospitalaria seguinte máis próxima, a uns 67 quilómetros de distancia, que dispón de tódalas especialidades en atención sanitaria”. En base a isto, explican os integrantes de Compromiso, os pacientes con casos máis complexos, graves e específicos son trasladados ao Hospital de Santiago “precisamente por dispor este de tódolos medios dos que carece o Hospital da Barbanza”.

O grupo destaca que é moi apreciábel a carencia dun servizo de Ambulancia Asistencial con Soporte Vital Avanzado (AA-SVA), o que se agrava tendo en conta que estamos a falar dunha contorna “cunha importante poboación” e que dista moito do hospital importante máis próximo. E todo isto, din, “malia as continuadas demandas deste servizo por parte da poboación, axentes sociais e os propios profesionais sanitarios, ao longo do tempo”. Compromiso Ribeira lembra que estas reclamacións colleron pulo nos últimos meses cunha campaña específica de recollida de sinaturas “amplamente apoiada polos veciños, empresas e entidades sociais de toda a área afectada”.

Segundo a agrupación, a implantación dunha AA-SVA suporía dispoñer dun recurso, as 24 horas do día, con equipamento e persoal especializado en urxencias sanitarias, que permitiría prestar asistencia médica, in situ, a pacientes críticos, “no menor tempo posíbel para a realización de manobras de soporte vital avanzado”, que redundaría “nun aumento da calidade asistencial, por ende, en poder salvar máis vidas, pois o factor tempo é fundamental nestes casos”.

Na petición presentada no rexistro, Compromiso Ribeira acorda solicitar á Consellería de Sanidade o emprazamento dunha base permanente de AA-SVA no Hospital da Barbanza por parte da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, xa que “se trata dun servizo que reúne as condicións, tanto de criterios poboacionais como de distancia a centros hospitalarios, para toda a comarca”.

Outros artigos

“Comunidade de montes” – José Manuel Pena

As Comunidades de montes desenvolven un importante labor social nos espazos rurais, ademais de ser unhas ferramentas comunitarias e veciñais fundamentais para afrontar a realización de diferentes melloras nas parroquias. Para iso necesítase realizar unha boa xestión e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión