Asinado o contrato de obras para a recuperación de catro novas vivendas nas Casas dos Mestres

29 Xaneiro 2020

O Concello de Rianxo deu este martes 28 de xaneiro un novo e importante paso en materia de inclusión social, acción solidaria e revitalización urbanística e arquitectónica. En concreto, o Concello deu a coñecer novidades relativas ao proxecto para rehabilitación das Casas dos Mestres, unha iniciativa que en agosto recibiu outro impulso (co engadido de catro vivendas engadidas ao proceso de recuperación) e que agora materialízase coa sinatura do contrato de obras (contrato Rehabilitación das Vivendas dos Mestres Bloque-B).

O contrato, que foi formalizado por un importe de 186.156,08 euros coa empresa JSTOP, abrangue como dixemos os traballos para a posta en valor de catro antigas vivendas docentes que pasarán a ser, en virtude do proxecto, outras tantas residencias de alugueiro social para familias en risco de exclusión ou con escasos recursos dos que botar man. Estes dous pares de vivendas únense ás catro existentes xa recuperadas e que darán cobertura, ao rematar o proceso, a un total de oito familias. Estas actuacións do Concello abéiranse ao programa de reforma de inmóbeis para docentes impulsado polo IGVS da Xunta de Galicia ao que Rianxo se acolle xa dende o mandato previo do actual alcalde, Adolfo Muíños, para quen o proxecto constitúe un exemplo referencial da súa estratexia de transformación urbana aliñada ás políticas solidarias. En palabras do Goberno local, o proxecto de vivenda social en alugueiro que desenvolve o Concello de Rianxo “é un exemplo de goberno a favor das persoas, polas políticas de inclusión e de integración”.

As Casas dos Mestres construíronse hai aproximadamente medio século e levaban algo máis dunha década abandonadas e en estado de progresivo deterioro e grazas ao traballo realizado polo Executivo rianxeiro darán acubillo no máis breve prazo posíbel a un total de oito familias.

Impulso previo

O proxecto do Concello colleu impulso definitivo en 2017 coa concesión dunha axuda previa do Instituto Galego de Vivenda e Solo de semellante contía (case 160.000 euros) para destinala á execución da posta en valor e acondicionamento de media ducia de vivendas. A subvención, o 75% do orzamento preciso, foi completada pola Administración local.

A semente da iniciativa agromou meses antes, en 2016, coa aprobación por unanimidade (en pleno ordinario da corporación municipal) de asumir a titularidade do bloque de inmóbeis coñecidos como Casas do Mestres, na rúa do mesmo nome, situadas a escasos metros da praza de Castelao, do Consistorio e doutros edificios senlleiros como o Mercado Municipal. A concesión foi feita pola Consellería de Educación. O proceso veu a complementar a intención do Concello de recuperar as casas para usos sociais e para persoas e familias en situación de emerxencia.

Outros artigos

O Araño acolle o 13 de marzo un obradoiro de primeiros auxilios

O Centro Cultural da Capela (A Araño) acolle o vindeiro venres 13 de marzo un obradoiro gratuíto sobre primeiros auxilios. Trátase dunha actividade formativa dirixida a toda a cidadanía en xeral e voluntarios de atención sociosanitaria. O obxectivo do obradoiro é...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Nadie quiere la guerra?” – Manuel Domínguez

“Nadie quiere la guerra?” – Manuel Domínguez

Nadie quiere la guerra, mentira. Cuando se cerró la fábrica de armas de Coruña (nombre ficticios) tanto Juan como el sobrino Pablo fueron al paro, y la hipoteca sin pagar. En el norte de España tenemos una fábrica de armas , entre otras cosa fabrica buenas escopetas...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.