
Un novo proxecto colaborativo buscará a mellora e a conservación da contorna natural e mariña da área de influencia do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Baixo o título RE-MAR Custodia Ambiental para a redución de residuos no espazo mariño protexido das Rías Baixas, avanzarase cara a un modelo de desenvolvemento inclusivo baseado na conservación do entorno natural e mariño aplicando a filosofía da chamada ciencia cidadá.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, xunto co director xeral da Asociación Amicos, Xoán España, e o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez, entre outros, foron os encargados de presentar esta mañá o proxecto en nome dos tres organismos que colaborarán conxuntamente na súa execución, cuxo comezo está previsto para os vindeiros días e que se prolongará durante o próximo ano.
Así, Amicos, na súa calidade de entidade promotora, porá ao servizo do programa o traballo dalgúns dos seus asociados, persoas con discapacidade intelectual que actuarán como guías ambientais e ofrecerán charlas divulgativas en colexios; a Consellería colaborará e contribuirá ao proxecto aportando os medios materiais e persoais do Parque Nacional; mentres que os pescadores serán a terceira peza da engranaxe, grazas á súa presenza e contacto permanente co mar.
Enmarcado no programa Pleamar da Fundación Biodiversidade e como complemento aos obxectivos do proxecto comunitario Life-IP Intemares, RE-MAR está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que aporta o 56% dos 76.374’82 euros de orzamento dispoñible. Con el, contribuirase a mellorar as relacións humanas co medio mariño grazas ao fomento da participación cidadá e da conciencia social ante a necesidade de diminuír os residuos e preservar o patrimonio natural marítimo terrestre das Rías Baixas.
Para lograr estes obxectivos e garantir a recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños do Parque Nacional, xogarán un papel fundamental os pescadores das confrarías colaboradoras, concretamente as de Carreira e Aguiño, San Pedro de Ribeira, San Xulián da Illa de Arousa e Cabo de Cruz de Boiro, aínda que se poderán ir sumando outros pósitos e entidades da área de influencia das Illas Atlánticas a medida que avance o proxecto.
Belén do Campo asegurou que “o lixo mariño é un problema global que nos afecta a todos” e resaltou a importancia que terá neste proxecto a participación de alumnos e profesores dos colexios de Ribeira e Boiro a través de talleres de sensibilización medioambiental cos que se contribuirá a espertar a conciencia da poboación local e do sector pesqueiro.
RE-MAR tamén é un proxecto cunha importante vocación social e inclusiva. Así o demostra o protagonismo asumido na iniciativa por Amicos, entidade sen ánimo de lucro para a atención e a integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise ou dano cerebral e que leva anos moi implicada en tarefas de conservación da biodiversidade e de prevención, recollida e eliminación de residuos nesta zona.
Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tamén colaborou este ano noutra iniciativa enmarcada dentro do Programa Pleamar da Fundación Biodiversidad. Trátase da segunda fase da Rede para a recuperación dos ecosistemas mariños no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, proxecto promovido polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia co apoio do Instituto Español de Oceanografía (IEO), no que o departamento autonómico colabora a través do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
O obxectivo é darlle continuidade á primeira fase, desenvolvida no ano 2017, para conservar a biodiversidade e os ecosistemas do mar na contorna da illa de Sálvora, ampliando nesta ocasión o ámbito de actuación do proxecto a máis zonas do espazo protexido, concretamente, ás illas de Cortegada e Ons, onde se realizaron máis dun cento de actividades nas que, precisamente, tamén colaborou a Asociación Amicos.
Ambas iniciativas reflexan a implicación da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en todo tipo de programas e proxectos de investigación co fin de mellorar o estado de conservación do único parque nacional que ten a comunidade. Así o puxo de manifesto durante a súa intervención Belén do Campo, quen subliñou a importancia de proxectos colaborativos coma estes para garantir o futuro e a preservación dos valores naturais que atesouran as Illas Atlánticas e a súa área de influencia.
De feito, aproveitou a ocasión para anunciar que precisamente mañá o director do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández Bouzas, recollerá en Madrid o Premio de Salvamento Marítimo que outorga o Ministerio de Fomento á mellor iniciativa de sensibilización para a conservación dos nosos mares, en recoñecemento do traballo feito pola II Rede para a recuperación dos ecosistemas mariños.
Neste senso, do Campo lembrou que este ano os premios buscan difundir iniciativas que contribúan ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) 14, que forma parte da Axenda 2030 aprobada pola ONU e cuxo fin, neste caso, é conservar e utilizar en forma sustentable os océanos, os mares e os recursos mariños.