Prosegue a celebración dos 20 anos do Centro Social de Boiro con máis vídeos e actividades

12 Decembro 2019

As dúas décadas de intensa traxectoria dinamizadora do Centro Social de Boiro seguen a xerar actividades e celebracións, logo das presentadas os días pasados e das que falamos polo miúdo en O Barbanza, entre as que se inclúen o redeseño dos seus espazos (unhas instalacións que reciben cada ano máis de 70.000 visitas, entre a aula de estudo, as escolas de música e baile, a sede da Cruz Vermella ou os espazos formativos, entre outros reclamos) e o lanzamento dun arquivo dixital. A celebración estase a acompañar dunha serie de lanzamentos en YouTube, na canle do CS boirense, que inclúen imaxes e vídeos do traballo desenvolvido durante estas dúas décadas.

Onte mesmo lanzouse outra peza audiovisual: un dinámico percorrido de dous minutos e medio de duración polas súas importantes contribucións culturais e cidadás. No vídeo, Antón Seijas (usuario do centro e opositor) e Samuel Rodríguez (axente TIC) lévannos da man polo pasado, o presente e o futuro do centro social. Previamente, as encargadas de ofrecer os seus puntos de vista sobre estes 20 anos (e os que quedan) foron Rosa Saavedra (usuaria do centro) e Juan Ortega (profesor da Escola de Música), por unha banda, e María Lapido (profesora de Secundaria), Paula Tubío (psicóloga e docente) e Montse Carro (profesora de baile tradicional), pola outra. Todo apunta a que as celebracións seguirán deparándonos máis contidos ao longo dos días vindeiros.

Máis accións

Este incremento dos contidos dixitais xerados polo CS estase a complementar, co gallo das conmemoracións das dúas décadas de andaina, cun redeseño e unha adaptación dos seus espazos cara as novas (e vindeiras) necesidades da veciñanza. Así, procedeuse á remodelación da aula de estudo e redistribuíuse a sala de exposicións, complementándose agora cun espazo de coworking (traballo colaborativo) e zona de lectura.

Desde o Concello boirense manifestan que se está a barallar a posibilidade de abrir unha nova área destinada a adolescentes, xa que opinan que “é un treito de idade que carece de espazos públicos pensados especificamente para eles”. Para co-deseñalo estase a a traballar conxuntamente co alumnado dos colexios locais para que sexa a propia rapazada a que “elabore as maquetas de como vén as zonas municipais destinadas á súa idade e as necesidades que detectan”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...