O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, fixeron entrega onte de nove tendas de campaña para tarefas destinadas ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de nove concellos da provincia da Coruña co obxectivo de reforzar o seu equipamento de emerxencias. Entre estas agrupacións atopábase a de Rianxo, amais das de Arteixo, As Pontes, Bergondo, Corcubión, Fene, Miño, Muxía e Oleiros.
Trátase de tendas “con facilidade para o seu transporte, montaxe e desmontaxe”, explicaron, engadindo que contan cunha estrutura reforzada de aluminio anodizado e lona de poliéster impermeábel e ignífuga (unha vez montadas ocupan unha superficie de 16 metros cadrados cunha altura máxima de 2,47 metros”.
A este equipamento entregado este xoves en Arteixo súmase o cedido xa no mes de outubro. Desa volta, os municipios de Cedeira, Carnota, Zas, Carral e Vedra recibiron cadanseu vehículo pick-up, mentres que os de Ames, A Pobra do Caramiñal, Cee, Culleredo, Lousame, Oroso e Paderne foilles entregado un remolque equipado con material de emerxencias.