O obradoiro de emprego de Rianxo formará a 15 persoas en Instalación de Placa de Xeso Laminado e Falsos Teitos

25 Novembro 2019

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, acompañado do rexedor de Rianxo, Adolfo Muíños, e da primeira tenente de alcalde, María del Carmen Figueira, participou esta mañá na apertura do obradoiro de emprego do municipio rianxeiro que oferta 15 prazas de formación en Instalación de Placa de Xeso Laminado e Falsos Teitos, centrándose a parte práctica na reforma da primeira planta de Clínica Vella de Rianxo. Este obradoiro de emprego conta cun orzamento de 252.000 euros.

Os participantes neste taller de formación e emprego dual poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.

Ovidio Rodeiro destacou que “o obxectivo é seguir formando aos desempregados dos concellos galegos para incrementar as súas posibilidades de atopar un emprego, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación das empresas da contorna.”

Na súa intervención lembrou que a Xunta financiará 5 talleres na comarca do Barbanza, 3 deles de carácter dual, (onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade) e 2 de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego na comarca 1.201.115 euros.

Os obradoiros duais terán lugar Lousame -compartido con Noia-, en Rianxo, e en Ribeira. Pola súa banda, os obradoiros de Garantía Xuvenil, realizaranse en Muros -compartido con Carnota- e no concello de Boiro.

Estes obradoiros permitirán que un total de 82 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses.

Cursos AFD

O delegado territorial da Xunta tamén lembrou que na comarca do Barbanza impartiranse 20 cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) para formar a 300 alumnos cun investimento que supera os 830.000 euros. Estes cursos celebraranse na súa maioría en empresas e entidades sen ánimo de lucro e catro deles estarán organizados polos concellos de Boiro, Porto do Son e Ribeira. Os organizadores ofertarán accións formativas nos principais sectores da economía, primando a formación no eido do naval, a automoción, a edificación e obra civil, así como competencias clave e dixitais.

Os alumnos e alumnas interesados en acceder a esta formación poderán contactar coa entidade ou o centro para realizar a súa preinscrición no curso da súa elección. Ademais, poderán acceder a un certificado de profesionalidade que lles abrirá novas oportunidades laborais.

Os alumnos que participen nestes cursos tamén teñen dereito, sempre que cumpran uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2019-2020), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, lógrase unha maior empregabilidade dos estudantes.

O representante do goberno autonómico tamén lembrou que na área de influencia do Barbanza realizarase un Plan Integrado de Emprego (PIE) en Boiro. Este programa permitirá formar a 100 desempregados dos cales cando menos, un 35% lograrán inserirse no mercado laboral. Este curso suporá un investimento na comarca de 250.000 euros.

Ovidio Rodeiro finalizou a súa intervención puntualizando que “con este tres programas a Xunta de Galicia investirá nesta área do Barbanza máis de 2’8 millóns de euros para impartir os 5 obradoiros, 20 cursos AFD e un PIE.”

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

Segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, España acadou no recente Consello de Ministros da UE bos resultados no Atlántico e Mediterráneo, de xeito que asegura a viabilidade dos 570 barcos que faenan no Mediterráneo e, no Atlántico, tamén "bos...

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...