20191018. O voceiro do BNG ribeirense, Xosé Vázquez Cobas, e a responsable de acción social, Cruz Rivadulla, deron a coñecer a proposta da formación enfocada no incremento das zonas verdes no municipio. O Bloque manifesta que a humanización do espazo urbano “non será tal se non fan parte dela de xeito estrutural e principal as árbores, as plantas e zonas verdes.” Neste senso, os nacionalistas levarán a pleno un plan denominado ‘Reverdecer Ribeira’ co obxectivo de aumentar o número de zonas verdes e vexetación nas rúas.
Vázquez Cobas argumenta que “todos sabemos que as árbores absorben o dióxido de carbono, o oxido de nitróxeno, amoníaco, dióxido de xofre e o ozono devolvendo osíxeno e axudan a diminuír as emisións de CO2”, ademais de “amortecer o ruído, fan máis agradable as rúas, revalorizan zonas, no verán fan baixar a temperatura do asfalto, do cemento e da pedra, favorecen que haxa máis humidade no ambiente e crean sombra.” Así, engade que “Ribeira necesita, nestes momentos, máis verde e un pouquiño menos de cemento.”
No que respecta ás zonas forestais, o voceiro sinala que “nós o que pedimos é que se faga un plan para deseucaliptilizalas e apostamos por unha planificación ordenada, na que se faga un calendario para eliminar as especies invasoras dos nosos montes e que se planten árbores autóctonas.”
O Bloque precisa que tampouco se esquecen das parroquias, polo que consideran que é preciso dotalas de máis árbores, arbustos, plantas e zonas verdes. A este respecto, Xosé Vázquez Cobas apunta que “isto ten que ir cando se fagan os proxectos de mellora das parroquias, debe formar parte dos proxectos a incorporación de árbores e zonas verdes.”
Na súa intervención, Cruz Rivadulla puntualiza que debería facerse un estudo para a instalación de “setos ou muros vexetais que frearan un pouco o vento porque hai días con nordés que non se pode andar por algunhas zonas.”
Por todo isto, o grupo municipal do BNG require que se elabore un plan para reverdecer Ribeira e que este se desenvolva ao mesmo tempo que a humanización das rúas do municipio, incluíndo, cando menos, “o estudo detallado das rúas susceptibles de ser ornamentadas e embelecidas con árbores, arbustos e plantas, especies adecuadas aos espazos urbanos; queremos tamén que nas obras públicas novas que se fagan formen parte do proxecto a plantación de árbores, arbustos e plantas como especies de potencial uso urbano; que as árbores que, por diversas circunstancias, fosen malogradas sexan reemplazadas por outras; que cando se fai unha obra e, por calquera motivo, se causa dano a unha árbore, zona verde ou arbusto, sexa reparado; pedimos que se faga un inventario das árbores das rúas, dos paseos, dos parques e dos xardíns públicos de Ribeira; que se elabore un plan de traballo anual no que sexa un punto fundamental o coidado das árbores, dos espazos verdes do concello; e que se inclúa unha política de podas que non sexa agresiva.” Ademais, demanda a realización dun programa progresivo de eliminación de especies invasoras nos montes de titularidade municipal e a repoboación con especies autóctonas.