
20191023 A Protectora Moura, con sede na Pobra, atópase entre as beneficiadas pola última campaña de Gadis a prol dos animais, a campaña Alimenta e amizade, impulsada pola compañía alimentaria galega en preto de 200 establecementos de seu. Con esta iniciativa, preténdese mellor a calidade de vida de máis de 5.000 cans e gatos abandonados, amais de optimizar os servizos de acollida. En termos máis concretos, a iniciativa servirá para entregar máis de 84.200 quilogramos de alimentos e produtos de hixiene entre 33 protectoras de animais de Galicia e Castela-León.
A campaña iniciouse o 1 de outubro e transcorreu durante 10 días en establecementos das provincias Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, León, Valladolid, Palencia, Salamanca, Ávila e Zamora. Segundo informou hoxe Gadis, a iniciativa foi todo un éxito e puxo de manifesto, unha vez máis, o importante espírito de solidariedade dos clientes, “que realizaron o esforzo de contribuír a esta acción depositando alimentos e produtos de hixiene nos 193 puntos de venda”. Ademais, o grupo galego tamén salientou a colaboración dos voluntarios e a implicación que manifestou o persoal de tendas e loxística durante o desenvolvemento da campaña.
A doazón dos clientes foi de 70.219 quilogramos, aos que a empresa de distribución sumou unha achega propia do 20% desa cantidade até superar os 84.260 quilos, que serán entregados ás 33 protectoras de Galicia e Castela e León.