
20190923 O Museo Valle-Inclán de Pobra Caramiñal vén de presentar a súa peza do mes para estes días de setembro, a cabalo entre o verán e a plena chegada do outono. A proposta para este punto de inflexión é unha referencial mostra de devolución popular galega: un peto de ánimas. Con esta contribución, o museo quere “pór en valor o importante valor dos museos na salvagarda do patrimonio común, e lembrar como o propio Ramón del Valle-Inclán bebeu destas tradicións e recolleunas na súa obra de xeito maxistral”. A peza pode visitarse na escaleira da torre de Bermúdez, no acceso á sala Viana do Prior.
O horario de apertura ao público é seguinte: martes a venres de 11:00 a 13:00 horas e sábado de 10.00 a 13.00 horas. Polas tardes, o horario (até o 31 de setembro) é de 18.00 a 20.00 horas de martes a sábado, e, a partir do 1 de outubro, de 17.00 a 19.00 horas (de martes a sábado).
O peto de ánimas que se exhibe estes días no museo pobrense é unha obra procedente da desaparecida capela das Ánimas, despois adicada á Venerable Orde Terceira. Segundo se explica, é unha obra feita con madeira, ferro, pigmentos e verniz, do século XVIII, e coas seguintes dimensións: 35 x 19 x 23,2 centímetros. A peza pasou a formar parte da colección estábel do Museo Valle-Inclán no ano 2000, e é un dos tres petos de ánimas que acubilla o edificio.
Segundo explican os responsábeis da mostra, a obra en exhibición “está formada por unha caixa con pé e unha tapa superior móbil cunha rañura no centro”. Inclúe, ademais, unha fenda na parte dianteira e, na zona posterior, un retablo cunha imaxe do santo Antonio de Padua sostendo ao neno Xesús.
A orixe deste peto e doutros obxectos de semellantes características está no Concilio de Trento (1545-1563), que é cando se recoñece a existencia do Purgatorio e, en consecuencia, “o culto ás ánimas espállase rapidamente”. E faino en boa medida ligado a estas pezas de construción popular ou vencelladas á existencia de confrarías, en pequenas capelas, altares e cruceiros, emprazados en lugares de tránsito (pontes, encrucilladas, entradas e saídas das poboacións) para que os viaxeiros que pasaban a carón deles puidesen deterse e facer entrega dunha esmola.