Boiro impulsará a banda larga nas parroquias e a comunicación nas redes sociais

21 Agosto 2019

20190821 Os concellos da nosa comarca queren estar na vangarda en materia de acceso ás novas tecnoloxías da información. É o caso de Boiro, cuxo actual rexedor, José Ramón Romero García, Martiño, anunciou na primavera, na campaña pre-electoral, a súa intención de mellorar os servizos de Internet para a veciñanza (residente en Boiro ou nas parroquias e aldeas) e favorecer o emprendemento innovador, o comercio e o traballo colaborativo. Agora que o alcalde do PSdG lidera a alianza do Goberno local, pasados os comicios, a aposta tecnolóxica segue viva e mesmo semella avivarse.

Así llo confirmou a O Barbanza o propio Martiño, para quen o compromiso coas novas formas de traballar e comunicarnos non é só un compromiso técnico, senón tamén social, económico, cultural e turístico: unha maneira de facer que Boiro medre e que se sitúe no mundo, na vangarda.

Captura da web www.boiro.gal

Este compromiso cos accesos comezou a coller forza pouco despois das eleccións, cunha xuntanza entre o equipo de Goberno e os responsábeis de Telefónica, con vistas a buscar métodos de colaboración para levar a fibra óptica de alta velocidade a diversos puntos do termo municipal que até o de agora con contan con este servizo, vital para equilibrar as condicións de vida entre o rural e a contorna urbana, para frear o despoboamento e para insuflar dinamismo económico fóra de Boiro capital. Estas conversas coas operadoras teñen o obxectivo de instalar rede de banda larga, de alta velocidade, en diversos recantos do concello.

O compromiso coas TIC tamén se vai deixar notar na vertente comunicativa, nas canles informativas e no diálogo coa cidadanía. Neste camiño da participación e da transparencia, dous ámbitos lindeiros co tecnolóxico, o Goberno boirense vai poñer en marcha as redes sociais do Concello, canles coas que até o de agora non se contaba, e con cuxa habilitación preténdese fomentar ao máximo a información inmediata e a implicación da veciñanza na vida pública local. Asemade, o traballo completarase con melloras na páxina web de Boiro, www.boiro.gal, como por exemplo a incorporación dun portal de incidencias, participativo, ou aumentar as funcionalidades do portal de transparencia. Outra das medidas que están a coller corpo é a retransmisión en directo das sesións plenarias.

O espazo de coworking

Como dixemos, o Concello tamén impulsará novos e innovadores xeitos de traballar e producir que complemente e impulsen aquilo no que Boiro é economicamente forte. Farao a través dun centro de coworking (Emprende-LAB Barbanza), pioneiro no seu sector e co que se pretende fomentar a creación e aceleración de novas empresas relacionadas con sectores estratéxicos para a comarca coma é o caso do conserveiro e de transformación de produtos do mar, o hostaleiro e o turístico. Esta actuación suporá un investimento en torno aos 100.000 euros, dos que o 76%, 75.000 euros, serán achegados directamente pola Deputación da Coruña a través dos fondos da liña de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL-Emprende).

O espazo localizarase no centro de formación e viveiro de empresas situado no polígono industrial de Espiñeira, con 283 metros cadrados de superficie útil, que contará con 5 oficinas, sala de recepción, servizo de reprografía e sala para xestión e presentación de proxectos, así como aseos e zonas comúns. O inmóbel contará ademais con xardíns e zona de aparcamento exterior, insonorización, calefacción central de alta eficiencia enerxética, iluminación con LED de baixo consumo, conexión de telefonía e fibra óptica en tódolos espazos, ademais de accesibilidade total para persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, incluirase asistencia técnica para a dinamización empresarial (EmprendePoint), sostemento dos gastos correntes da instalación e actividades formativas que incluirán demostracións, programas de mellora de xestión empresarial e de asesoramento e aceleración de proxectos emprendedores.

Boiro pasa así a formar parte, xunto con Oleiros, Carballo, Brión e Ames, do grupo de concellos que conforman o embrión da Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo.

Outros artigos

Detido en Boiro un home por venda de cocaína

A Garda Civil do Posto Principal de Boiro detivo a un veciño da localidade como presunto autor dun delito contra a saúde pública tras ser sorprendido vendendo cocaína na vía pública. A investigación iniciouse grazas a comunicacións anónimas recibidas, que alertaban...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A mellor, a da casa”. Luís Celeiro

“A mellor, a da casa”. Luís Celeiro

Todo ao grande, como debe de ser para aparentar fartura. En A Cañiza, neste mesmo ano,Alberto fixo o bocadillo máis grande que se coñece no mundo. Era de xamón, tan grandeque ninguén era quen de comelo enteiro. A barra de pan medía uns vinte metros delonxitude e a...

“Amigos”. Xulio Xiz

“Amigos”. Xulio Xiz

Eu era de facer anotacións de todo tipo, ata que as novas tecnoloxías me mudaron os hábitos. Hai anos utilizaba unha relación de varios folios onde tiña clasificados por orde alfabética amigos e coñecidos con enderezo, teléfonos e correos electrónicos. E, á parte,...