Os cans poderán acceder no verán aos areais ribeirenses de Punta Touro e Area Secada en horario limitado

17 Xullo 2019

20190717. O Concello de Ribeira vén de publicar un bando respecto da regulación do acceso con cans ás praias. No texto sinalan que non está permitida a presenza de cans nas praias durante a tempada de baño, salvo nos casos de cans de asistencia a persoas invidentes, “debido ás disposicións normativas vixentes en materia de salubridade e hixiene.”

Tamén existe unha demanda cada vez maior por parte de donos de cans, na súa condición de usuarios de praias, de espazos de baño nos areais onde poidan levar ás súas mascotas sen ocasionar molestias a outros usuarios.

Ao respecto deste asunto, o pleno do Concello, en sesión ordinaria celebrada o 26 de marzo de 2018 adoptou o acordo onde se manifesta “que o Concello de Ribeira localice unha praia no entorno de Couso apta para ser habilitada como praia canina, tendo en conta as restricións que dispón o Plan da Píllara ou outros plans de protección. Que nalgunha das praias urbanas do municipio se determinen os horarios máis adecuados para compatibilizar a presenza de persoas e cans durante todo o ano.”

O municipio ribeirense conta cun número significativo de areais. Moitos deles teñen boa parte da súa superficie incluída dentro do Plan de conservación da píllara das dunas en Galicia, aprobado mediante o Decreto 9/2014, do 21 de xaneiro, como área de presenza e/ou área prioritaria de conservación desta ave. Algunha destas praias son Espiñeirido, Balieiros, Ladeira, Lagoa, Vilar, Anguieiro, Penisqueira, Celeiráns, Muralla, Tasca, Catía, Castro, Coroso e Corna. Asemade, moitos dos areais mencionados están incluídos en espazos naturais da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.

No ano 2014, o Concello ribeirense solicitou autorización ante o Servizo de Conservación da Natureza da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, actual Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, co obxectivo de habilitar os areais de Area Basta e Couso coma espazos públicos onde se permita a presenza de cans no horario de baño durante a tempada, nas condicións e coas medidas correctoras que estimasen oportunas, sendo a resposta da administración autonómica desfavorable.

Á vista do exposto, a Alcaldía acorda permitir o acceso de cans ás praias do termo municipal de Ribeira cumprindo unha serie de condicións. Nos areais de Punta Touro e Area Secada, o horario de acceso con cans será desde o 1 de maio ata o 30 de setembro de 21.30 ás 23.30 horas, mentres que o resto do ano será todo o día. Naquelas praias incluídas en espazos naturais protexidos ou no Plan de conservación da píllara das dunas como zona prioritaria, de presenza ou potencial está prohibido o acceso, exceptuando o caso dos cans guías para persoas invidentes ou de asistencia previa consulta ao Servizo de Conservación. No resto de areais, só está permitido o acceso ata o 30 de abril e a partir do 1 de outubro. Nos tres supostos exceptúanse aqueles cans de asistencia ou guías para persoas invidentes.

Ademais, desde o Concello sinalan que donos dos animais terán a obriga legal de recoller os excrementos que depositen nas vías e espazos públicos. De feito, “a non recollida inmediata dos excrementos evacuados por un animal de compañía supón unha infracción administrativa tipificada no artigo 38.i) da Lei 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, podendo ser sancionada con apercibimento ou sanción económica de 100 a 500 euros.”

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Pasear ou traballar” – Xulio Xiz

“Pasear ou traballar” – Xulio Xiz

Antes, as sentencias cuasi filosóficas eran propias da xente de idade, adquiridas por experiencia vital. E palabra de vello era palabra sabia, material sobre o que se construíu o riquísimo refraneiro popular. A frase rotunda que orixina a miña cavilación, foi...