Aprobadas as dedicacións exclusivas do goberno de Boiro

15 Xullo 2019

20190715. A corporación municipal de Boiro celebrou o venres o pleno de organización. Un dos asuntos que xerou máis debate foi a aprobación das dedicacións exclusivas do rexedor e do primeiro tenente de alcalde.

A proposta presentada polos socialistas consistía en que o rexedor, José Ramón Romero, cobraría 44.000 euros brutos ao ano e o tenente de alcalde, José Luis Ruiz Laíño, 25.600 euros. Ante isto, os nacionalistas sinalaron que non existía tanto aforro respecto do goberno anterior, así como que o salario tiña que ser proporcional á representación acadada. Carlos Rodríguez, de Ciudadanos, salientou que existía un desequilibrio nas retribucións aos concelleiros, considerando que “o partido que está agora no goberno estivo criticando durante tempo o cadro retributivo do goberno anterior, parécenos pouco coherente e decepcionante que agora cheguen e pretendan facer máis do mesmo.” Mentres tanto, Manuel Velo, de IC Boiro, valorou como adecuadas as retribucións tendo en conta as dos concellos limítrofes pois “non entendo como se elixe a un alcalde e despois o queren ter atado de pes e mans.” Pola súa parte, Dores Torrado, de Boiro Novo, criticou que os edís do PSdeG-PSOE acaparasen a maioría de representacións e presencia nas diversas comisións, “habendo varios incumprimentos sobre o acordado, un deles era que tiña que estar representada o conxunto da oposición en órganos colexiados.”

A aprobación do réxime retributivo dos membros da corporación, indemnizacións por asistencia a sesións de órganos colexiados e asignacións aos grupos políticos contou co apoio dos cinco concelleiros do grupo de goberno e de IC Boiro, mentres que BNG, Boiro Novo e Ciudadanos votaron en contra. Finalmente, o asunto saíu adiante coa abstención do PP.

Outro dos temas a tratar foi o do réxime retributivo do persoal eventual. Deste xeito, a Alcaldía contará con secretario persoal e unha persoa encargada do departamento de comunicación, así como de buscar e solicitar subvencións. Estes traballadores percibirán algo máis de 22.000 euros brutos anuais cada un. O BNG, Boiro Novo e Ciudadanos consideraron que existían outras prioridades. De feito, Raquel Suárez, voceira do BNG, manifestou que “parécenos demasiado dúas contratacións, aceptamos unha porque si que entendemos que pode ser necesaria unha asistencia ao alcalde como o secretario, pero non unha persoa de comunicación porque a vemos máis como un labor para deixar ben a imaxe do goberno.”

O voceiro do PP e ex-alcalde, Juan José Dieste, comentou que Boiro merece un goberno que traballe para os veciños, deixando de lado as controversias, e insistiu en que “nós imos apoiar a gobernabilidade e a estabilidade para os veciños.” Aínda que advertiu que “o goberno e a corporación municipal van custar 48.320 euros máis nesta lexislatura, ao redor de 12.080 euros anuais.”

Os plenos ordinarios celebraranse o segundo xoves de cada mes. Ademais, as comisións informativas quedaron compostas por 3 representantes do PP, 2 do PSdeG-PSOE, 1 do BNG e 1 do grupo mixto (o cal irá rotando entre Boiro Novo, IC Boiro e Ciudadanos).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

Sempre tiven curiosidade pola etimoloxía da nosa onomástica. Pero tamén polosalcumes, para coñecer as razóns que os motivaron. De aí que sexa un atento lector dostextos das esquelas que se publican nos xornais.O mes de agosto sempre foi un mes moi festeiro. Por estas...

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

El rey ausente. Los muertos son números que forman parte de una estadística. ¿Números? Si. Si muere en el exterior, es el número del pasaporte, si muere en el hospital en número de la seguridad social, si muere en casa el número del DNI. Los 100 muertos en el mar,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.