A mostra que recrea o derradeiro discurso de Castelao inaugúrase este martes en Rianxo

Péchase un círculo. A exposición Alba de Gloria (unha experiencia) recala esta semana nunha localidade que é simultaneamente orixe e destino do relato: Rianxo. A mostra que recrea o derradeiro discurso do ilustre rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, impulsada polo Consello da Cultura Galega, ábrese este 11 de xuño no auditorio municipal da vila (ás 20.30 horas) cun acto institucional que contará coa presenza da presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e o comisario da mostra, Manuel Gago. A recreación, que se poderá ver até o 17 de xullo, adquire un significado especial coa súa chegada á terra que viu nacer a Castelao: Rianxo e maila mostra convértense en altofalantes mutuos.

Segundo informa o CCG, “Rianxo é a localidade de nacemento de Castelao, lugar ao que volveu en numerosas ocasións e que ten un oco moi destacado na súa biografía, por iso non é de estrañar que a primeira parada da itinerancia desta mostra teña lugar nesta vila”.

Como dixemos, a exposición ficará aberta até o 17 de xullo (do 12 ao 14 de xuño de 11:00 a 13:45 horas e de 18:00 a 21:45 horas). Despois desa data, é visitábel de luns a sábados de 10:00 a 14:00 horas. Pechará os domingos e os festivos

Alba de Gloria foi o derradeiro gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Tivo lugar no festival do Centro Galego realizado no teatro Argentino co gallo do Día de Galiza,o 25 de xullo de 1948. Trátase dunha alocución que “enumera as grandes figuras da cultura galega”, lembra o CCG, que explica que arrinca coa figura de Prisciliano e remata con Valle-Inclán, repasando, entremedias, até sesenta e cinco figuras e persoeiros da nosa historia e cultura (entre outras e outros, Alfredo Brañas, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Diego Xelmírez, Benito Vicetto, Alberto García Ferreiro ou san Dámaso).

O Consello da Cultura tamén explica que a mostra ten unha parte central que é a Experiencia, na que o visitante, a través duns lentes de Realidade Virtual, pode entrar no mundo imaxinario de Alba de Gloria da man do propio Castelao. Outra das partes da mostra, o Labirinto, reproduce as figuras que o escritor e político rianxeiro cita na súa alocución e na que constrúe un posíbel panteón nacional de Galicia. Outra das vertentes da exposición é a Sala das Palabras, un espazo que permite escoitar unha lectura dramatizada da alocución e mergullarse nos discursos da época.