O Concello de Ribeira solicita a Salvamento Marítimo unha escala do buque Heroínas de Sálvora

09 Maio 2024

Dada a nomenclatura do buque Heroínas de Sálvora (que será incorporado á frota de Salvamento Marítimo en vindeiras datas: un remolcador de altura especializado no rescate de vidas humanas no mar, no remolque de barcos e na loita contra a contaminación), o Concello de Ribeira fixo as xestións pertinentes para solicitar a Salvamento Marítimo unha escala no municipio cando parta dende a cornixa cantábrica con rumbo ás Canarias.

“Consideramos que, debido ao nome deste remolcador, sería excepcional que a sociedade ribeirense tivese a oportunidade de poder ver de preto este magnífico barco cunha escala no noso concello. Tamén sería interesante a posibilidade dunha xornada de portas abertas que permitise explorar as innovacións das que dispón este navío. Por todo isto, trasladamos esta petición a Salvamento Marítimo”, declarou o concelleiro do Mar, Fernando Abraldes, engadindo que esta solicitude “acada máis relevancia dado que no 18 de maio é o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo, data que o Departamento de Mar quere conmemorar cun programa de actividades”.

“Gustaríanos poder incluír a parada deste barco no municipio dentro das actividades que estamos preparando. É moi significativo para o conxunto dos ribeirenses a nomenclatura deste navío. Cremos que non hai mellor denominación para o obxectivo marcado deste buque nas augas”, indicou Abraldes.

María Fernández, Cipriana Oujo, Josefa Parada e Cipriana Crujeiras foron as catro mulleres que salvaron a vida de 56 das 269 persoas que viaxaban no vapor-correo Santa Isabel cando embarrancou fronte a costa de Sálvora, na noite do 2 de xaneiro de 1921.

O novo remolcador ten 82’35 metros de eslora e 18 de manga e converterase no primeiro buque que poderá operar con drons na busca no mar. Astilleros Zamakona, en Santurce, foi a factoría encargada da construción deste buque con base no porto de Tenerife.

“Estamos moi contentos de que un buque desa envergadura poida levar o nome das Heroínas de Sálvora” destacou o alcalde Luís Pérez, engadindo que “é por iso que dende o Concello quixemos facer esta petición á autoridade portuaria de Vilagarcía e á delegación do Goberno en Galiza para  poder facer unha xornada de portas abertas no noso peirao. Agardamos que esta petición teña boa aceptación e que o buque poida facer unha parada no Concello antes de que chegue ás Canarias.” 

Outros artigos

Luns 20 con ceo cuberto na comarca e temperaturas sen cambios

O luns comeza con ceos parcialmente nubrados sen descartar algunha chuvia feble ao norte. Pola tarde, medrarán nubes de evolución que poden derivar en algún chuvasco, máis probable en comarcas do interior. As temperaturas non terán cambios significativos. O vento...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión