Mulleres Salgadas: “A situación que se vive no marisqueo galego é unha situación de extrema gravidade”

28 Abril 2024

A Asociación Mulleres Salgadas, con sede principal en Vilagarcía, emitiu un comunicado de resposta ante as declaracións de Roberto Fariña, presidente da Asociación de Depuradores de Galicia (AGADE) publicadas este domingo 18 de abril polo xornal La Voz de Galicia. No comunicado, sen ben recoñecen que coinciden co presidente na necesidade de aplicar “un cambio estrutural no noso sector do marrisqueo, están en desacordo con todas as demais declaracións do principal representante de AGADE, “xa que a nosa visión e demandas enfróntanse de maneira radical coa formulación que lemos no artigo”. Segundo fan saber, “a situación que se vive no marisqueo galego é unha situación de extrema gravidade que aínda non se analizou coa seriedade e o rigor que require. Por suposto, e é un importante punto de partida, as mariscadoras non desexan vivir de subvencións nin axudas e o que piden é poder seguir traballando no mar e manter o seu medio de vida. Ademais, a única axuda directa que recibiron ata o momento por parte do Goberno autonómico galego é absolutamente insuficiente tanto por contía como por alcance”.

E engaden: “As mulleres do mar de Galicia levamos tempo pedindo axuda para un correcto diagnóstico do mar con perspectiva de xénero, e neste punto Mulleres Salgadas conseguiu que o Parlamento de Galicia aprobase por unanimidade en 2022 instar á Xunta de Galicia a crear un Observatorio de igualdade do sector pesqueiro galego coas características que nós expuxeramos”. Porén, a asociación recoñece que “de momento só contamos cun proxecto que fala dun órgano que non ten nada que ver nin coa nosa petición nin co mandato parlamentario”. A entidade critica que “a falta de plans de xestión de apoio ao marisqueo está a abocar a moitas das nosas compañeiras para abandonar o oficio pola precarización que sofren, ante a permisividade e o abandono da Consellería do Mar”.

Lembran no seu comunicado que “o marisqueo a pé é unha actividade sostíbel e que exerce un importante labor de coidado e rexeneración dos areais galegos e este debe ser un dos principais puntos para a súa protección… defender o cambio na explotación das praias en aras dunha suposta mellora do rendemento empresarial, é unha manipulación grave do que o traballo destas mulleres supón para a economía galega, afastándonos, unha vez máis, do mantemento do medio ambiente e as augas como horizonte principal cara ao que todos deberiamos confluír”.

Na súa opinión, o que “o marisqueo galego necesita é unha revisión profunda e estrutural das condicións nas que se traballa, dos requisitos de acceso ao PERMEX do marisqueo a pé e das características da prestación por cesamento, velando por non deixar a ninguén atrás nos casos de necesidade… a loita contra o furtivismo, en calquera das súas formas, debe ser unha prioridade e desde Mulleres Salgadas pedimos transparencia na información sobre as incautacións de produtos pesqueiros ilegais que supoñen un grave dano tanto para a economía como para a saúde”.

Mulleres Salgadas engade que “os poderes públicos deben vixiar de maneira efectiva o roubo de cría de bivalvo e o seu destino. A contaminación e as verteduras ao mar é outro dos focos sobre os que pedimos que se traballe. Sabemos que o cambio climático está aí e adaptarse ás súas consecuencias é algo primordial e que pode e debe facerse mantendo a explotación dos recursos marisqueiros nas mans das poboacións costeiras. O contrario sería xerar unha distribución e repartición da actividade vinculada ao mar que só levaría a aumentar a desigualdade e a falta de equidade”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Toda la noche remando…”. José Castro López

“Toda la noche remando…”. José Castro López

Es difícil saber si la derrota de los partidos independentistas catalanes generó en susdirigentes, además de decepción, más frustración que reflexión, pero ese veredicto delas urnas evoca el dicho popular “toda la noche remando para morir en la orilla”.Después de...