
A asociación AGADEA Alzhéimer e máis o Concello de Rianxo comezaron o ano cun novo ciclo de faladoiros gratuítos sobre envellecemento saudábel, coidados, autonomía e calidade de vida, desta volta destinados de maneira particular ás persoas coidadoras de persoas con demencia.
Haberá un faladoiro un mércores ao mes de 17.00 h. a 19.00 h. no Centro Sociocultural Liceo. O Ciclo de Faladoiros “Coidando” comeza este 31 de xaneiro coa charla O manexo da medicación en persoas con demencia, a cargo de Ana Calvo, enfermeira do SERGAS, e prosegue o 21 de febreiro con Müsica máis alá das emocións, a cargo de Laura Navarro, musicóloga e investigadora do IDIS.
As sesións volven o 20 de marzo, coa xornada As claves da alimentación en persoas con alzhéimer, por Laura Urones, enfermeira especialista en nutrición, e máis o 19 de abril, con Réxime legal das medidas de apoio ás persoas con discapacidade derivado da nova Lei 8/2021, por Eduardo Porta, avogado.
O ciclo continúa o día 8 de maio, con Ferramentas de intelixencia emocional: empatía, reflexión e resiliencia, por Miguel A. Gómez, experto en intelixencia emocional.
As persoas que participen nos faladoiros obterán un diploma oficial da Escola Galega de Saúde.
Podemos inscribirnos nos Servizos Sociais do Concello de Rianxo ou mandando unha mensaxe a comunicacion@agadea.org.



