As Trail Series 2024 de Arousa Neo quecen motores este sábado en Xuño (Porto do Son) cunha quedada

19 Xaneiro 2024

Arousa Neo comezou o ano con forza. Concretamente, organizando as Trail Series 2024, que veñen na presente edición en tres quendas, a primeira das cales celébrase en Porto do Son. Para ir quecendo motores, confraternizando e afianzando vencellos entre deportistas, este sábado 20 de xaneiro Arousa Neo celebra a Quedada Trail da Ponte, na parroquia sonense de Xuño a partir das 16.00 horas. Serán 15 quilómetros de percorrida con máis de 650 metros de subida. Non se precisan inscricións. O punto de partida será o Camping Fraga Balada.

A quedada será a previa da Trail Serie 2024 que se celebra o 28 de xaneiro en Porto do Son.

As Trail Series 2024, que veñen este ano cun trazado renovado co obxectivo de seguir reivindicando a nosa comarca como escenario de primeira categoría para correr ou camiñar montañas, trasladaranos (logo de Porto do Son) a Outes (o Trail de Outes, o 17 de marzo) e logo á Pobra do Caramiñal (o 26 de maio co Trail de San Isidro). Para as tres probas Arousa Neo contará co apoio e colaboración dos ditos Concellos.

Respecto da primeira parada, a de Porto do Son, a do 28 de xaneiro, terá saída na parroquia de Xuño e a partir de aí as e os participantes percorrerán “unha zona completamente nova do territorio sonense”, chegando até a contorna da espectacular fervenza da Madanela e subindo logo ao Monte Graiade. Así nos explican dende Arousa Neo o remate da xornada: “Para finalizar, á chegada agárdanos todo un agasallo para os sentidos: o mar, a praia, a ponte, o río, as sendas e os camiños verdadeiramente únicos”.

As inscricións están abertas até este 22 de xaneiro en www.trailseries.run. A saída será o 28 de xaneiro ás 10.30 horas no Polideportivo CEIP Xuño. Haberá dous percorridos de 21K e de 15K, ademais de 3 avituallamentos na distancia longa e 2 na distancia curta (incluíndo o de meta).

Outros artigos

“O Barbanza: Cinco anos de xornalismo independente”

Hai cinco anos, en maio do 2019 nacía na súa edición dixital obarbanza.gal e uns días despois na de papel O Barbanza, sempre en galego e baixo a cobertura do Grupo Código Cero Comunicación. Dicíamos daquela que eramos un grupo de profesionais decididos a aventurarnos...

+

O Noia Portus Apostoli, tricampión da Copa Galicia de fútbol sala

Tricampión de Galicia. O Noia Portus Apostoli volveu coroarse este 17 de maio, Día das Letras, como o auténtico rei de Galicia tras proclamarse campión da Copa Galicia por terceiro ano consecutivo. O bloque noiés, o noso único representante na máxima categoría do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión