
A Xunta de Galicia (Consellería de Medio Ambiente) e a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (CEMMA) renovaron este 15 de xaneiro o seu acordo de colaboración para a prol da asistencia e a recuperación dos animais varados no litoral galego. acordo relativo a este ano que comeza foi formalizado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da entidade, Xabier Pin. A través desta alianza, manteranse as accións que, desde hai dúas décadas, desenvolven de maneira conxunta ambas entidades co fin de garantir a conservación dos réptiles e mamíferos mariños que recalan nas costas de Galicia con algún tipo de dificultade.
Deste xeito, a CEMMA comprométese a comunicar á Xunta a detección de episodios de encallamentos de tartarugas e mamíferos mariños na costa galega; á prestación dos primeiros auxilios aos exemplares vivos, así como a súa posterior hospitalización, tratamento e alimentación; e no caso de falecemento, a identificación, se é posíbel, das causas da morte mediante exames e recollida de mostras.
A Consellería, pola súa parte, ocuparase do deseño e supervisión das propostas encamiñadas a asistir aos animais, en especial, aquelas que sexan necesarias para garantir o seu reingreso ao medio natural unha vez recuperados e achegará 15.000 euros para contribuír a financiar o traballo da Coordinadora.
A sinatura deste convenio enmárcase nas funcións que ten atribuídas o departamento autonómico para a defensa e promoción da conservación dos hábitats e especies en Galicia, así como ao estudo sobre o seu comportamento, as causas da perda de exemplares e as posíbels medidas a adoptar que poidan reverter esta situación.
Balance varamentos 2022
Ao abeiro do anterior convenio coa Xunta, rexistráronse durante 2022 —segundo datos recollidos ata o pasado 10 de decembro— un total de 223 animais varados ou en risco de varar nas costas galegas, dos cales chegaron con vida un 23%.
A grande maioría destes exemplares pertencían ao grupo dos cetáceos (un 76%) e dentro destes, máis da metade eran golfiños comúns aínda que tamén se detectou unha grande cantidade de delfínidos non identificados.
Segundo lembrou o presidente da coordinadora, Galicia alberga unha franxa moi importante de litoral que debido á súa especial situación xeográfica e á influenza das correntes alberga unha importante representatividade de vertebrados mariños —entre os que destacan os mamíferos e, en menor medida, a tartaruga mariña—, estando incluídas algunhas delas na listaxe de especies en réxime de protección especial e no Catálogo galego de especies ameazadas.



