
2.387, son as persoas que non teñen fogar en Galicia, segundo a Dirección Xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia. Para iso a Xunta despregou un número importante de plans, proxectos, programas e protocolos para paliar ou minorar as consecuencias desa situación.
A Consellería de Política Social entende que é moi necesaria a colaboración con concellos e entidades de iniciativa social para o correcto desenvolvemento de todas estas accións, de maneira integral, e que están dirixidas ás persoas sen teito ou sen vivenda, ou que residen en vivendas inseguras ou inadecuadas.
No caso concreto dalgún concello, como o de Ribeira, a Xunta de Galicia, sinala que o mesmo leva a cabo o Programa “Sen Recunchos”, coordinado con Cáritas, Cruz Vermella e outras entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro. Este programa pretende reducir a incidencia do sinfogarismo e promover a inclusión social das persoas sen fogar.
En Ribeira, segundo datos da propia Xunta de Galicia e o Concello, produciuse un incremento do número de persoas en situación de rúa ou vivindo en infravivenda. Fálase dun total de 22 persoas nunha localidade que ten un total de 26.897 habitantes.
Todas estas medidas son importantes e necesarias pero non suficientes. A realidade é que hai demasiadas persoas sen fogar en Galicia que se atopan con moitos problemas para poder estar nalgunha residencia ou albergue, o tempo necesario, (non só 15 días) para atopar unha habitabilidade estable e adecuada para a súa dignidade como persoa. Hai que asegurar que ningunha persoa se vexa obrigada a durmir á intemperie debido á falta de servizos de urxencia e protección habitacional.



