
O Concello de Boiro organiza esta fin de semana a XIX exposición da Camelia Sasanqua e outras que reúne no Pazo de Goiáns a preto de 30 expositores que amosan distintas variedades de camelia. A concelleira de Turismo, María Outeiral, participou no acto inaugural que tivo lugar esta tarde.
“A exposición da camelia é unha cita consolidada no noso municipio e o Pazo de Goiáns e xa un referente desta flor na comarca”, afirmou a concelleira de Turismo, María Outeiral, durante o acto inaugural da XIX edición da mostra no que se realizou nos xardíns do Pazo a plantación dun novo exemplar de sasanqua, “Bicos do Chazo” da Finca Chazo doada por Begoña Franco.
As persoas que asistan durante esta fin de semana poderán coñecer, ademais das distintas variedades de camelia que mostran os expositores chegados de todo Galicia, unha exposición de cerámica e tamén mercar aceites de camelia.
“Cada vez son máis os expositores que se animan a expoñer en Boiro a súa flor e, nesta ocasión, temos que destacar a presenza de expositores a propia comarca que se animaron a amosar as súas creacións nesta cita que abre as mostras de camelia que se van ir sucedendo nos vindeiros meses”, recoñeceu a concelleira.
A exposición poderase visitar tamén o domingo durante todo o día no inmoble de Goiáns, pola mañá en horario de 11.00 a 14.00 horas e pola tarde de 17.00 a 20.30 horas.




