
O Concello de Boiro inicia as obras que se van levar a cabo para a mellora ambiental no esteiro do río Coroño, no treito comprendido entre o Coído e o Pazo de Goiáns. As actuacións, que ascenden a un total de 204.024 euros, estanse a levar a cabo mediante o Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña.
A actuación busca continuar as actuación de accesibilidade e mellora medioambiental que o Concello de Boiro está a desenvolver na desembocadura do Coroño. Preténdese a actuación dun paseo peonil accesíbel duns 955 metros de lonxitude e de 2,5 metros de ancho e realizado con pavimento natural-eco para obter un percorrido totalmente transitábel (sen barreiras) e que respecte o medio ambiente.
Ademais, no núcleo rural de O Coído, vaise executar unha pequena zona de estacionamento co obxectivo de organizar os vehículos da veciñanza da zona para liberar os rueiros. Neste núcleo vaise habilitar tamén un espazo de lecer, con xogos para os nenos e nenas ambientados na natureza e zona de xantar para as familias.
Na contorna do Pazo de Goiáns o proxecto contempla a realización dun percorrido respectando os camiños e anchos orixinais, así como as especies vexetais existentes. “Nos últimos anos levouse a cabo no histórico inmóbel unha intensa labor na rehabilitación do edificio principal e tamén na recuperación da súa finca. Esta actuación vai axudar agora a conectar o pazo co núcleo urbano, mellorando a súa accesibilidade e dándolle un valor engadido á súa contorna natural”, recoñeceu o alcalde José Ramón Romero.



