As Ecobrigadas da asociación da nosa comarca Amicos continuarán os seus labores en diferentes puntos de Galicia apoiadas pola empresa Cobre San Rafael. Esta alianza xerada o pasado ano entre as entidades axudou a que a asociación inclusiva con sedes en Boiro e Ribeira prestara apoio e formación en emprego verde a máis de 30 persoas con discapacidade intelectual, e logrouse que 5 persoas acadaran un emprego de calidade e con miras cara ó futuro.

Segundo nos recorda Amicos, as Ecobrigadas son un equipo multidisciplinar de persoas con discapacidade que combinan a innovación social e o coidado medioambiental para a execución de obras forestais, a prevención de incendios forestais, xardinería e bedelería. Ademais, “as persoas que forman parte das Ecobrigadas reciben formación adaptada e son acompañadas durante todo o proceso para mellorar a súa empregabilidade”, engade Amicos.
Como explicou Xoan España, director xeral de Amicos, grazas as Ecobrigadas xéranse “35 postos de traballo de persoas con discapacidade intelectual”, onde “o esforzo, a superación é exemplo de que sempre se pode, demostran que sempre hai unha oportunidade para avanzar”.

Asemade, España aproveitou para dar as grazas a Cobre San Rafael pola renovación da alianza porque “é unha aposta por continuar na formación, na intermediación e no apoio das persoas con discapacidade para conseguir un emprego”.
Pola súa banda, Pablo Núñez, director de Relacións Instituionais de Cobre San Rafael mostrouse orgulloso de “seguir apoiando a Asociación Amicos en todas as accións que fai” e describiu o labor da asociación como “imparábel” e de “primeiro nivel”. Rematou dicindo: “Temos implantado no noso ADN o coidado, a sistentabilidade e a recuperación medioambiental” e, por iso “encaixamos perfectamente no que pretendemos nós e o que fai Amicos”.
A comezos de 2024 ambas entidades celebrarán a firma da renovación do convenio cunha xornada de recollida de residuos e sensibilización medioambiental con escolares nos concellos do Pino e Touro.



