O Concello da Pobra sortea 200 caramiñas diarias e unha viaxe familiar a Eurodisney neste Nadal (co apoio de CONGALSA)

29 Novembro 2023

Veciñanza e visitantes deberán descubrir as caramiñas ou recunchos do Nadal repartidos polo núcleo urbano da Pobra do Caramiñal se queren optar aos 200 euros diarios que sorteará o Concello en formato de vale/caramiñas para trocar nos comercios e negocios locais adheridos, ademais da viaxe familiar a Eurodisney para catro persoas que patrocina a empresa CONGALSA. Os detalles foron debullados pola concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e a directora das relacións externas de CONGALSA, Isabel Cañas. Segundo explicou a edil, “trátase dunha iniciativa máis que impulsa a Concellaría da Promoción Económica ao abeiro da campaña Consegue Caramiñas, Comparte Nadal para a dinamización económica e social do municipio por estas datas”.

Esta acción oriéntase ás redes sociais e comprende o período do 3 decembro ao 5 de xaneiro. Consistirá en sacar fotos nos photocall coñecidos como recunchos do Nadal e compartilas no apartado de historias de Instagram mencionando a conta @caraminhasnapobra. Estes espazos habilitaranse onda o parque do Castelo, na praza de Galicia, praza de Irmáns Axeitos, parque de Raquel Fernández Soler e no Fogar de Nadal.

Dunha banda, sortearanse diariamente 200 euros en caramiñas entre os días 3 e 31 de decembro. Cada xoves darase a coñecer os nomes das persoas gañadoras que participaron dende a semana anterior, agás na última semana do mes de decembro, pois as afortunadas dos días 29, 30 e 31 comunicaranse no 2 de xaneiro.

Os vales de compra poderán recollerse cada sábado no Fogar do Nadal que se disporá na oficina de turismo, situada na Casa Mariñeira, en horario de 10.00 a 13.00 horas.

E ata o 5 de xaneiro existe a posibilidade de gañar a viaxe a Eurodisney entre tódalas instantáneas tomadas dende o inicio da actividade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.