
A Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos de Ribeira, no marco das súas accións directamente encamiñadas a fomentar o comercio local, organiza no concello a Campaña de Nadal 2023-2024, cuxo obxecto é motivar as compras nos establecementos do termo municipal e premiar a fidelidade do cliente, obsequiándoo con boletos que lle darán opción a gañar os premios do sorteo.
“Estes obsequios servirán de estímulo para incrementar as compras no noso concello”, explicou o presidente da patronal ribeirense, Francisco Martínez Gude, que engadiu, respecto dos detalles da campaña, que “ata o de agora contamos con máis de 80 participantes”.
A cifra, dixo, aumentará en datas vindeiras, xa que o prazo para adherirse aínda está aberto. A campaña destaca tamén pola gran variedade de sectores que concorren: moda, deportes, complementos, zapaterías, salóns de peiteado, decoración, seguros, talleres e venta de vehículos, ferreterías, restauración e hostalería…
O presidente da patronal agradeceu novamente a colaboración do Concello de Ribeira nesta iniciativa. Na presentación participaron tamén o alcalde Luís Pérez Barral, o tenente alcalde Vicente Mariño e a concelleira de Emprego e Promoción Económica, Genoveva Betanzos.

Características da campaña
A promoción celebrarase entre os días 1 de decembro de 2023 e o 6 de xaneiro de 2024, inclusive.
Os premios que se sortearán son unha viaxe valorada en 2.500 euros, onde o agraciado ou agraciada poderá elixir o lugar e os acompañantes co límite máximo da dita cifra, e 5.000 euros en vales de compra repartidos en 51 premios da seguinte maneira:
1-Tres vales de compra por importe de 300 euros.
2-Seis vales de compra por importe de 250 euros
3-Dez vales de compra por importe de 100 euros
4-Trinta e dous vales de compra por importe de 50 euros.
Cada establecemento comercial colaborador obsequiará aos seus clientes cun boleto por cada 10 euros de compra. Ademais, os establecementos participantes repartirán preto de 10.000 tíckets de parking entre os seus clientes nesta época festiva para facilitarlles o estacionamento mentres realizan as súas compras.
O sorteo terá lugar nun acto público o día 10 de xaneiro de 2.023 ás 11:00 horas, ante notario, no local social da Asociación de Empresarios. O sistema será por extracción de rifas da urna onde estarán depositadas tódalas matrices das rifas que participan no sorteo. Cada establecemento participante poderá entregar como máximo un premio de vale de compra, conseguíndose así que 51 establecementos repartan premios, a maiores do gran regalo da viaxe, que poderá tocar en calquera negocio participante. Non se terá está consideración no caso das rifas suplentes, que poderán ser de calquera establecemento participante.
As bases do sorteo estarán depositadas na notaría de Ribeira e expostas ao público no taboleiro de anuncios do local da patronal, na rúa Rosalía de Castro, na páxina www.empresariosriveira.com, e en todos os establecementos comerciais participantes, durante o período de duración da campaña.




