
O Concello de Noia vai celebrar o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, con actividades diversas repartidas en varias xornadas. Virán da man da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Noia, a través do Centro de Información á Muller (CIM). As actividades comezan este venres 24 cunha concentración escolar no Coliseo Noela, a partir das 11.30 horas. Presentaranse os bancos Noia di non á violencia de xénero e lerase o manifesto colectivo Noia contra a violencia. Na mesma xornada do venres 24, de 10.30 horas a 13.30 horas e de 18.00 a 20.00 horas, celebrarase o Concurso Photocall Rachando co Medo. Será diante do Coliseo Noela. Sortearanse cinco vales de compra para as persoas participantes (os menores deberán acudir con autorización).
Ademais, do 24 ao 26 de novembro o Concello iluminará a fachada do Consistorio de cor morada en memoria das persoas asasinadas polo “mero feito de ser mulleres”.
Por outra banda, até o sábado 25 de novembro (até as 24 horas) desenvolverase o concurso Rachando co Medo. As bases deste certame poderanse consultar na rede social Instagram (@rachandocomedo) ou no Facebook de Servizos Sociais do Concello de Noia.



