
O Concello de Boiro celebrou na mañá deste 22 de novembro unha nova sesión do Consello Escolar Municipal, un organismo que se reúne de xeito periódico para avaliar e analizar as demandas e necesidades do curso escolar. A sesión estivo presidida pola concelleira de Ensino, Carmen Silva, e contou coa asistencia de representantes dos centros educativos, alumnado e outras entidades. No seu transcurso fíxose fincapé na necesidade de incrementar no municipio a formación profesional específica acorde cos principais sectores produtivos da comarca.
“O sector manifesta que a falta de man de obra cualificada e relevo xeracional no sector do mar é cada vez máis acusada polo que debemos atallala canto antes”, afirmou a concelleira de Educación, engadindo que dende o Concello de Boiro volverase a presentar á Consellería de Educación a proposta de implementar no IES Espiñeira a formación en acuicultura, hostalaría e grao medio en informática, para o que se conta con apoio dos sectores produtivos e a comunidade educativa.
Na sesión tamén se recordou que o polígono de Boiro conta con preto do 35% das bateas da ría de Arousa, unhas 660 das totais. “É unha formación fundamental non só para Boiro, senón para toda a comarca do Barbanza que vive do mar e precisa de traballadores cualificados”, recoñeceu a concelleira.
No Consello Escolar realizouse tamén a presentación de novos membros que se incorporan co novo curso e tamén se deron os primeiros pasos para implementar o Camiño Escolar Seguro nos centros de ensino do centro urbano. “Tras unha enquisa realizada vimos que existe interese para levalo a cabo pero precisamos da implicación e compromiso firme das familias, sen iso non tería sentido”, afirmou Carmen Silva.
O Consello Escolar Municipal do Concello de Boiro reúnese de xeito periódico durante o curso escolar para detectar e dar solución aos problemas e necesidades xurdidos no ámbito educativo. Este órgano, no que está representada toda a comunidade educativa do municipio, está en condición de ofrecer unhas perspectivas de interese xeral que axuden a clarificar e resolver aquelas problemáticas detectadas no eido escolar.



