O músico multiinstrumentista Paco Nogueiras estará este venres 10 de novembro en Cabo de Cruz, Boiro, para achegar un espectáculo de cancións para público infantil e familiar. O fío temático do concerto será o seu máis recente traballo, o libro disco Extra!, unha homenaxe aos medios de comunicación enfocada dende un punto de vista divertido e lúdico. A cita deste venres será ás 17.30 no Centro Social de Cabo de Cruz. Organizan o Concello (Área de Cultura) e a Deputación da Coruña.
Extra! é un espectáculo baseado no libro-CD do mesmo nome, editado por Kalandraka Editora, na que se combinan cancións e interpretacións cos rexistros máis divertidos e na que se rende tributo ao oficio de xornalista e ao todo o que implica esta profesión. De feito, no libro-CD os temas dispóñense en distintas seccións onde cada composición aborda noticias nacionais e internacionais, sucesos, información social, cultural e divulgativa, deportes, opinión, pasatempos e ata unha axenda de actividades.



