
O Diario Oficial de Galicia publicou este luns 6 de novembro a resolución pola que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia sete obras pictóricas de Roberto González del Blanco. O salón de plenos da Casa Consistorial de Boiro loce unha das obras do autor, doada hai máis dun ano polo familia González del Blanco Pereyra ao Concello de Boiro.
Roberto González de Blanco foi morador do hoxe coñecido como Pazo de Agüeiros e un dos primeiros exploradores do Castro Pequeno de Neixón. A obra doada ao Concello de Boiro e que se pode visitar na Casa Consistorial é un óleo sobre lenzo titulado Loliña pintado polo artista no ano 1934.
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia resolve agora incluír no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia coa natureza de ben móbel as sete obras pictóricas de Roberto González del Blanco tituladas Autorretrato, Retrato da súa nai, Vodas de Prata, Muiñeira, A nena das mazás, Encambando xoubas e Crisantemos Brancos.
Os sete cadros representan tres das principais temáticas que desenvolveu o pintor durante a súa traxectoria: o retrato, o bodegón e a escena costumbrista. “Cando nos reunimos con dona Blanca e as súas irmás foi unha honra para o Concello que doasen ese cadro que loce no salón de plenos. Estamos moi contentos de que a obra de Roberto González del Blanco sexa agora recoñecida”, afirmou a concelleira de Cultura, María Outeiral.



