ConCiencia (USC) estreará en Compostela o documental oficial do Premio Pritzker de Arquitectura 2023 a David Chipperfield

06 Novembro 2023
David Chipperfield recibiu este ano o Premio Pritzker de Arquitectura en Atenas. FOTO: Nikolas Kominis

O arquitecto David Chipperfield, gañador do Premio Pritzker de Arquitectura 2023, será o vindeiro participante no Programa ConCiencia da Universidade de Santiago. Desta volta, o programa dirixido polo catedrático da USC Jorge Mira colaborará coa Fundación Pritzker, posibilitando que a cidade de Santiago acolla en primicia a proxección da versión abreviada do documental do Premio Pritzker 2023 a David Chipperfield. O acto desenvolverase o mércores 8 de novembro no Centro Galego de Arte Contemporánea, a partir das 19.00 horas, e será de acceso libre ata completar a capacidade do espazo.

No inicio da sesión, proxectarase a versión abreviada do documental oficial do Premio Pritzker, peza audiovisual que inclúe imaxes exclusivas da cerimonia de entrega do premio, que tivo lugar na Ágora Antiga de Atenas en maio de 2023, intercaladas con comentarios sobre a súa obra a cargo de anteriores galardoados e membros do xurado.

Logo da proxección, o propio Chipperfield pronunciará un relatorio ao que lle seguirá o coloquio que servirá de colofón ao acto e no que participarán Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC; a arquitecta Carolyn Steel; Luciano Alfaya, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia; e Luz Paz Agras, profesora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC.

Como lembrareemos, David Chipperfield é un prestixioso arquitecto e urbanista inglés afincado en Corrubedo (Ribeira), onde está a sede principal da Fundación RIA, impulsada por el mesmo co obxectivo principal de “recuperar a rica tradición construtiva do Barbanza e da súa contorna, así como a súa estreita relación ancestral coa natureza e a paisaxe”.

O Premio Pritzker, considerado popularmente como o Nobel da arquitectura, distinguiu a Chipperfield “polo seu compromiso cunha arquitectura de presenza cívica sobria pero transformadora e a definición —mesmo a través de encargos privados— do espazo público, desenvolvida sempre con austeridade, evitando movementos innecesarios e afastándose de tendencias e modas, o cal é unha mensaxe de gran relevancia para a nosa sociedade contemporánea. Tal capacidade de destilar e realizar operacións de deseño meditadas achega unha dimensión da sustentabilidade que non foi obvia nos últimos anos: a sustentabilidade como pertinencia non só elimina o superfluo, senón que tamén é o primeiro paso para crear estruturas capaces de durar, física e culturalmente”.

Entre os anos 2006 e 2022, máis dunha trintena de premios Nobel aterraron na USC grazas ao programa ConCiencia que a institución compostelá desenvolve de xeito conxunto co Consorcio de Santiago. Este programa de divulgación científica procura non só a proxección da cidade de Compostela como foco universal do pensamento, senón que tamén serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica mundial e o corpo de investigadores e investigadoras da USC.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.