
Unha estimada amiga residente en Cariño, Luisa A., levóume polo vieiro do pensamento ao me contar que un sabio recomendou:”Non fales mal do que non sabes, non te metas no que non che importa e non xulgues o que non vistes”.
Descoñezo ao sabio, pero ben sei dos principios ou fundamentos de Luisa, propietaria dun fermoso canciño ao que chama Pedro e de quen fala constantemente como membro que é do entorno familiar polo agarimo que lle amosa, tanto na casa como nos paseos diarios que ambos os dous se dan pola contorna da vila ortegalesa.
Gostaría que o lector deste xornal repasara esa sabia recomendación e aplicara -aplicáramos- esas tres, que van precedidas do negativo “non” por exemplo no que é a actualidade política: certamente somos moi dados a falar mal do que non sabemos nós e moitos de aqueles cos que compartimos o día a día; por exemplo, no eido da política española: “Non fales mal do que non sabes”.
Nós e, sobor de todos, os políticos que polo feito da investidura -ou non, háse saber- de Pedro Sánchez como presidente do Goberno español, disque souberon -soubemos- desde un principio que a España que nos acubilla ía romperse polo feito de barallar o señor Sánchez a posibilidade de aplicar ao expresident da Generalitat de Catalunya e a aqueles que o seguiron na tan demandada independencia deste territorio español, unha amnistía por se involucrar no “procés” que pretendía levar a parte dos cidadáns cataláns cara unha situación descoñecida, que tildaron desde un principio de INDEPENDENCIA.
Agora sí se sabe, pero sen termos máis coñecementos ao respecto, que Pedro Sánchez quere -aínda non sei se pode- aplicar esa amnistía e tampouco a quen será de aplicación. Pero aqueles que o saben todo e ignoran o que fan os seus, sairon de novo -están no seu dereito, efectivamente- ás rúas con insultos que, malia seren proclamados con forza, non acalaron as conciencias dos que, como membros do PSOE declararon por maioría o seu apoio ao partido do que Pedro Sánchez é secretaraio xeral e presidente do Goberno en funcións na andaina cara A Moncloa.
Metéronse no que non lles importaba, entrando no redeño dun partido no que tentaron argallar para que os menos convencidos da necesidade dunha amnistía non apoiaran a mesma xogando, unha outra vez, á traición aos principios que rexen a militancia como membros do PSOE, máxime sendo deputados electos, e tentando evitar así a investidura de Sánchez nun acto verdadeiramente condenable e reprobado no seu día pola totalidade da Cámara baixa. Transfuguismo indisimulado.
Non xulgues o que non vistes: Pedro Sánchez foi condenado antes de que cometera o “pecado” de pactar co mesmo Puigdemont co que Núñez Feijoo deixou entrever que estaría, ao parecer, disposto a falar após saber que non podería contar con el para a súa propia investidura. Condenado Sánchez, polo tanto, por querer facer o que Feijoo non fixo dado que Junts rexeitou desde un principio esa posibilidade.
O sabio ao que recorreu a miña amiga Luisa seguro que non pensou en Sánchez nen en Feijoo cando tal dixo; mais coido que veu ben acaído para o caso. E se non, dispénseme o lector, porque tamén ´
é posible que quen este escribe incorra no mesmo pecado.



