O BNG leva ao Parlamento iniciativas para instar á Consellería do mar a regular os desaugues dos encoros

03 Novembro 2023

Rosana Pérez, deputada pobrense do BNG, presentou unha interpelación e unha PNL para o debate en pleno nas que urxe á Consellería do Mar a regular os desaugues dos encoros e protexer deste xeito marisco das nosas rías. Segundo dixo, “a pasada campaña marisqueira na ría de Muros e Noia veuse afectada por unha sucesión de circunstancias -toxina, choivas intensas durante semanas, riadas, baixa salinidade da auga, etc.- que supuxeron o adiamento da súa apertura primeiro e o anticipo do seu peche despois, pola elevada mortaldade do marisco e o mal estado dos recursos”.

Engadiu que a “perda de preto do 80% do marisco das concesións do pósito de Noia, que conta con arredor de 1.500 profesionais, xa mermaba as expectativas e facía prever as dificultades da seguinte campaña”. Tamén explicou que a actual campaña “veu adiada de novo dende o seu comezo polo escaso tamaño do bivalvo que non acada a talla mínima legal para ser comercializado”. Posposta dende mediados de setembro, comezou o 16 de outubro e, por primeira vez dende que hai rexistros, pechou 8 días hábiles despois, o 26 de outubro, “malia a abundancia de cría que corría o risco de verse danada se continuaba a actividade”, dixo, engadindo que ” a importante cantidade de recrutamento existente, aínda sendo a esperanza de poder retomar o marisqueo o ano que vén, está suxeita tamén a distintos factores para conseguir prosperar”. Entre estes factores atópase a posíbel limitación do exceso de auga doce que provoca baixa salinidade e alta mortaldade.

Pérez lembrou que a propia Confraría de Noia ten solicitado á Consellería de Mar unha reunión entre a empresa, alcaldes e alcaldesas da zona e o sector, para “tratar de que o desaugue dos encoros sexa regulado, tendo en conta a ría e os bancos marisqueiros”.

A maiores, sinalou que se está a especular coa posibilidade de que o pequeno tamaño do marisco se deba a outras causas, “como a alta temperatura da auga rexistrada este verán e a ausencia de ventos do nordés que terían impedido o afloramento do fitoplancto que beneficia a alimentación do bivalvo”. Mais a este respecto, non existen estudos que o confirmen, recoñeceu.

A deputada tamén comentou o anuncio feito en Noia polo conselleiro de Mar o pasado día 24 de outubro, no que se mostraba a disposición da Consellaría para financiar unha parada temporal da actividade con fondos FEMPA. Pérez sinalou que as prestacións do ISM están en función das cotizacións de cada traballador ou traballadora e esixen doce meses nos últimos dous anos, moito máis que para outras actividades. “As axudas do FEMPA teñen aínda que agardar a estar aprobadas, no caso das mariscadoras a pé, e esixen tamén unha serie de requisitos non doados de cumprir por todos e todas as mariscadoras a frote”, comentou.

O Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para debate en Pleno, instando ó goberno da Xunta a :

-Levar a cabo un estudo que permita dilucidar os principais factores que están a influír na perda de produtividade da ría de Muros e Noia, que estableza as principais liñas de actuación e as medidas concretas a tomar a curto e medio prazo.

– Convocar de inmediato unha reunión entre as Administracións, as empresas eléctricas e o sector do mar da ría de Muros e Noia para tratar de chegar a acordos sobre a regulación do desaugado dos encoro do Tambre e sobre as posíbeis compensacións ao sector marisqueiro en caso de mortaldade do marisco derivada de actuacións irregulares.

– Solicitar unha reunión entre a Xunta de Galiza e o ISM para tratar de flexibilizar os requisitos esixidos ao sector do mar para ter dereito ás prestación por cese de actividade.

– Establecer unha liña de axudas propia que permita paliar as consecuencias económicas que xa se están a dar por mor da inactividade marisqueira na ría de Muros e Noia, tanto ás traballadores e traballadoras do mar como ás confrarías da ría.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.