
O BNG de Rianxo emitiu un comunicado en relación á futura pista de pádel que proxecta o actual equipo Executivo municipal: “Tivemos que enterarnos no DOG de que se solicitara por parte do Goberno municipal unha subvención á Xunta para unha pista de pádel, proxecto que de saír adiante tería que ser aprobado no pleno pois será preceptivo o acordo municipal. Na actual situación na que ninguén ten maioría terían que abordarse anticipadamente os proxectos a presentar para que conten co apoio da maioría dos concelleiros e concelleiras”.
O BNG engade que a proposta alternativa máis axeitada sería “recuperar o proxecto presentado con anterioridade que era unha pista polideportiva para o Colexio Brea Segade de Taragoña, cousa que é máis prioritaria e que fora acordada coa comunidade educativa do colexio, con vistas a dar servizo a unhas instalacións educativas e garantindo, por tanto, un uso amplo tamén da infraestrutura deportiva”.
Os nacionalistas explican tamén que non se opoñen á devandita pista, pero pensamos que “non é urxente en troques daquelas que melloran as instalacións nos centros”.
E engaden: “Seguiremos pedindo se melloren estas e unha vez conseguido se aborden outros espazos para a práctica deportiva, sen esquecer a demanda de dedicar parte da parcela a carón do Auditorio ocupada por Portos de Galicia a unhas novas pistas deportivas para a veciñanza e en especial a mocidade”.
O BNG mostra a súa preocupación, porque, segundo din, “tampouco está garantida a execución polo comprimido dos prazos de resolución da axuda por parte da Xunta, unha situación que se dá con demasiada frecuencia porque saen as resolucións das subvencións demasiado tarde deixando sen marxe aos concellos para executalos segundo a lei”.



