
As guerras internas e externas, entre as diferentes formacións políticas, tráenos un pouco sen coidado á maioría dos cidadáns. Preocúpanos moito máis o emprego, a calidade de vida, a familia, a sanidade, a educación, a violencia machista, as pensións, a pobreza, a desigualdade e un longo etcétera de asuntos cos que nos atopamos cada día.
A amnistía, que se España rompe, que se hai independistas, que se hai nacionalistas, que se hai fachas, que se hai comunistas, etc., é unha cuestión sen apenas importancia para unha sociedade tan plural e democrática como a nosa. España rómpese pola desigualdade, a intolerancia, os dogmas de fe, os privilexios duns poucos e a falta de solidariedade.
En honra á verdade, é importante sinalar que a dereita española, ao longo da súa historia, sempre se impuxo a apropiación dos símbolos nacionais, como o himno, a bandeira, o exército e a xefatura do estado, entre outros. Sempre quixeron gobernar e cando non puideron utilizan todos os medios, democráticos, ao seu alcance para derrocar ou impedir o goberno doutras formacións políticas.
España, como calquera outro país, necesita consolidar os dereitos dos seus cidadáns, porque as obrigacións e os deberes están suficientemente regulamentados.



