A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu seis ofertas de empresas para executar as obras de mellora da potabilizadora de Noia, que suporán un investimento de 1,3 M€.
Trátase de intervir na estación potabilizadora deste municipio, deseñada para servir a unha poboación aproximada de 15.000 habitantes, co obxectivo de ampliar a súa capacidade e servir ata 24.000 habitantes.
Mediante este contrato, actuarase ademais na mellora e modernización da planta, que na actualidade non está automatizada, carece de pretratamento previo e ten problemas no sistema eléctrico.
O obxectivo da Xunta é adxudicar o contrato nos primeiros meses de 2024 para poder iniciar a execución das obras tan pronto como sexa posible. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.
Os traballos obxecto deste contrato consistirán na instalación dun pretratamento completo, de dúas bombas somerxibles, a automatización do proceso, a execución dunha nova liña de lodos, a instalación dun bombeo de recirculación para a desinfección e a reforma do circuíto hidráulico e da instalación eléctrica.
Este contrato forma parte das actuacións da Xunta para apoiar ao Concello de Noia na xestión dos servizos da auga de competencia municipal, ás que se engade a execución da mellora da depuradora de augas residuais, cun investimento de máis de 2,3 M€.
En total, a Xunta está a investir 3,6 M€ para a mellora das infraestruturas hidráulicas deste municipio coruñés.


