Este martes 17 de outubro vaise celebrar no Centro Social de Boiro, a partir das 16.30 horas (e até as 18.30 horas), unha actividade divulgativa e participativa sobre cultura tradicional feminina e feminista. Trátase do obradoiro Saberes en común, do programa de actividades Muller e Saúde.
A cita vén da man de EspadEla, Escola de Apoderamento Feminista, en colaboración coa Deputación da Coruña, o Concello de Boiro e o Centro de Información á Muller local (o CIM).
Forma parte dun ciclo de catro xornadas centradas en afondar, reivindicar e compartir os saberes, os coñecementos e as experiencias das mulleres que tradicionalmente desenvolveron o seu labor no noso rural. A xornada deste martes constitúe a segunda das sesións do ciclo (a primeira foi a semana pasada, o 10 de outubro, e as seguintes o 24 e o 31 deste mesmo mes).




