
A Casa da Cultura de Outes vai acoller este curso 2023-2024 unha nova edición das Xornadas Sociosanitarias (convocatoria XVIII) que organiza José Dios Diz, médico local de Atención Primaria e o Centro de Saúde, coa colaboración co Concello, a asociación ADISBISMUR, a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, a Asociación Cultural Terra de Outes e a Universidade de Santiago. A nova edición celebrarase entre outubro deste ano e maio do seguinte, o último xoves de cada mes ás 18.30 horas. O programa vén composto de sete conferencias-coloquio, coordinadas polo doutor Xosé María Dios Diz. A axenda comeza o vindeiro xoves 26 de outubro coa charla Enfermidades crónicas: HTA diabetes, artrose… tratamentos actuais e seguimento, a cargo de Antonio Pose Reino, doutor de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Con esta cita, coordinada por Xosé María Dios Diz, darán comezo as XVII Xornadas de Información Sociosanitaria de Outes e as III Xornadas do Programa Universitario de Maiores en Outes (IV Ciclo da Universidade de Santiago). Dende a organización pregan que se confirme a asistencia a través do 981 850 575.
As persoas que asistan terán unha certificación da USC.
As actividades proseguirán o 30 de novembro, con Situacións de emerxencia e como actuar, charla impartida por Isabel Moares Rei, traballadora do Servizo de Emerxencias 112.
O 14 de decembro volven as actividades de divulgación con Economía e saúde, a cargo de Adrián Dios Vicente, doutor en Económicas.
Os relatorios proseguen o 29 de febreiro de 2024 con O exceso de radon e a súa prevención, a cargo de Alberto Ruano Raviña, doutor de Medicina Preventiva – Máster de Saúde de Pública da USC.
O 21 de marzo será a quenda de Luis Mayo Suárez, que falará do Coñecemento da poboación dos efectos do radon na saúde. Luis Mayo é licenciado en Medicina e Cirurxía, amais de alumno do TFG.
O 17 de abril, Miguel Vázquez Vázquez, especialista en Xeriatría e Xerontoloxía Social e director de CALIGERS, impartirá a charla Soidade na idade adulta. Estratexias preventivas e alternativas de vida para a vellez.
As xornadas rematarán o 30 de maio, con Saúde mental: saber pedir axuda, a cargo de Rosa Cerqueiro Landín, psicóloga do Complexo Universitario de Conxo.




