
España ten unha das taxas de confianza nos tribunais máis baixas da Unión Europea. De feito, un 56% dos españois valora a independencia dos xuíces como “mala” ou “moi mala”, situación que só superan os eslovenos, búlgaros, croatas e polacos. E aínda así, a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) semella ser unha cuestión secundaria para partidos con representación parlamentaria ou, dito doutro xeito, non prioritaria cando, na realidade, o bloqueo do devandito Consello é unha mala nova para a convivencia democrática no seo do Estado e mesmo para a imaxe internacional fóra do país. É unha das piores manchas no currículo do país, que ostenta actualmente a Presidencia rotatoria do Consello da Unión Europea.
O colapso do Supremo é a consecuencia máis grave da falta de renovación do CXPX, titulaba recentememente un xornal de tirada nacional. E para o eurodeputado socialdemócrata Ibán García de Blanco “España non ten un problema co Estado de Dereito, teno coa oposición”. Patriotismo, engade, “tamén é falar ben do país na UE. Non vexo ningún outro partido que faga isto na Cámara. Baixen do monte”.
Fale quen fale, o certo é que o bloqueo do Consello é unha mala nova. Porque o PP e Ciudanos levan anos orquestrando, recolle un xornal madrileño en declaracións do PSOE, unha ofensiva para desacreditar os intentos de desbloquealo e cumprir así o ditado na Constitución.
A dereita política española forzou en Bruxelas varios debates sobre a situación do poder xudicial en España, o que levou a que, en máis dunha ocasión, se equiparara a Hungría e Polonia, o eixo que leva anos dinamitando a separación de poderes recoñecidos internacionalmente e que, en España, suscitan broncos debates no Congreso dos deputados que, certamente , non axudan a proxectar una boa imaxe do país.
E coñecido, o CXPX exerce as súas funcións desde decembro de 2018, unha parálise que o ex presidente catalán Carles Puigdemont cualificou como un dos principais problemas da súa desconfianza do sistema xudicial español e a separación de poderes.
A inquedanza neste senso en Bruxelas non é nova, como evidencia o informe do Executivo comunitario contra a corrupción do ano 2020.



