
Así se desprende do sinalado por Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión, que fixo fincapé no cambio climático e a ampliación da Unión Europea na súa intervención deste mércores sobre o estado da Unión no Parlamento Europeo.
Un discurso dunha hora libre de anuncios de futuro, con referencias evidentes a China e Ucraína, e á necesidade de manter todo o tempo necesario a colaboración con este Estado, ao que abre un futuro aparentemente non lonxano no seo da propia Unión.
Tres son os aspectos que para von der Leyen resultan desafíos fundamentais: a desaceleración empresarial, a escaseza de man de obra e a inflación, todos eles vinculados ao ser ou non ser das compañías comunitarias e unha dose abundante de Intelixencia Artificial.
Outros retos son a culminación do Pacto Migratorio, a gobernanza económica e a ampliación -posiblemente en oito novos membros- da Unión Europea nos vindeiros anos. Para que esto último sexa así, teranse en conta os méritos dos candidatos a integrarse na UE xa que logo é necesario o consenso dos países membros que a conforman.
Será, sen dúbida, unha UE distinta. E máis verde e dixital de cara, xa, a 2030, froito dun proceso complexo e técnico baseado, como xa se dixo, nos méritos contraídos, sobre todo, polos países aspirantes a encadrarse nese club comunitario no que o denominado Pacto Verde xoga un papel fundamental que, por certo, o Partido Popular Europeo -do que forma parte Ursula von der Leyen- non quere entrar decididamente malia ser o santo e sinal desta cando asumiu o cargo en 2019.
Dentro de algo menos de 300 días as eleccións europeas fixarán, probablemente, un novo rumbo no que a axenda verde seguirá a ter o seu peso; pero con figuras como as de Pedro Sánchez ou Enmanuel Macron que, agora mesmo, non se sabe que papel poderán desempeñar (se é que repiten como presidentes de España e Francia, respectivamente).



