O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago tomará declaración este, xoves 21 de setembro, o ex- director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, que declarará en calidade de imputado por varios presuntos delitos de falsidade documental relativos ás minas de San Finx, en Lousame. No mesmo auto chámase aos outros imputados no caso, o xefe do servizo de enerxía e minas na Coruña e un dos funcionarios do mesmo departamento.
Todos eles terán que presentarse nos xulgados composteláns por unha causa na que están persoadas como acusación popular a Cofradía de Pescadores de Noia, Ecoloxistas en Acción e Verdegaia, logo de que se denunciaran numerosos informes asinados polos imputados que contiñan información presuntamente falsa sobre diversos aspectos da mina de San Finx.
Estes informes pretendían presuntamente, beneficiar a empresa concesionaria tentando facer pasar a presa de residuos mineiros de San Finx como parte das instalacións dunha central hidroeléctrica inexistente e, un ano máis tarde, relacionándo cun muíño de millo. Isto a pesar de que a presa de formigón, de 50 metros de largo e 14 de alto, construída pola empresa mineira en 1939 como depósito de lodos, apareceu nos plans oficiais de labores ata que se deixaron de presentar no ano 2000.
Segundo a nota da Cofradía de Noia, Augas de Galicia recoñeceu que en caso de colapso os residuos mineiros almacenados causarían un importante impacto ambiental augas abaixo, estando a tan só 7 km da ría de Noia. Evitando recoñecer que se trataba dunha presa de residuos mineiros os imputados terían tentado, segundo a nota, evitar as responsabilidades da empresa concesionaria, que tería que facer fronte a unha restauración valorada en varios millóns de euros, e danos multimillonarios en caso de colapso e afectación ás zonas de marisqueo na ría.
Os mesmos funcionarios e alto cargo tentaron presuntamente ocultar a existencia da contaminación con metais pesados, apoiando o argumento falso da empresa de que os altos niveis de elementos tóxicos terían orixinal, e insistiron unha e outra vez que non era necesario someter o proxecto a unha avaliación de impacto ambiental, algo que a propia Xunta acabou recoñecendo que era imprescindible para a continuidade da explotación.




