A Consellería de Cultura e Educación fixo pública a listaxe do palmarés dos Premios Extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2022/23, un total de 20 estudantes aos que se lles recoñece os méritos excepcionais polo excelente resultado académico acadado baseado no esforzo e no traballo realizado ao longo da etapa, tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia. Na listaxe de alumnas e alumnos que obtiveron este recoñecemento atópase Lu Cerviño Portela, do IES Nº1 de Ribeira.
Cada un dos estudatnes recibirá 1.000 euros ademais dun diploma acreditativo, e a distinción será anotada no seu expediente académico.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades convoca cada ano este galardón co fin de recoñecer o esforzo, traballo e aproveitamento académico dos estudantes que rematan a etapa de Bacharelato nun centro docente da Comunidade, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e que obtivesen unha nota media do Bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos.
Ademais, os galardoados tiveron que superar unha proba específica estruturada en dúas partes. A primeira delas consistiu nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario, e en responder cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do Bacharelato.
A segunda parte consistiu no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado a elixir entre Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II e Fundamentos da Arte II.



