O alumnado do Certificado de Confección e Montaxe de Artes e Aparellos do Obradoiro de Emprego Tahume VIII, iniciativa de fomento do emprego impulsada polos Concellos de Porto e Ribeira, visitou esta semana a nave de redes de Porto do Son, onde puido coñecer de primeira man o día a día das traballadoras e mergullarse nas confeccións de artes menores.

Tamén puideron descubrir os detalles dunha unha exposición en miniatura dos diferentes tipos de aparellos e artes e a súa pegada no tempo, unha pegada que se remonta a moitos anos atrás (de feito as redeiras de Porto do Son dispoñen entre os seus tesouros de redes con máis de 100 anos de antigüidade).

O alumnado de Tahume VIII realizou a maiores unhas pequenas prácticas baixo as indicacións e a sabedoría do equipo de profesionais que desenvolve o seu importante labor (crucial para o principal motor económico da nosa comarca: a pesca e o mar) na nave de redeiras.

Como dixemos, o Obradoiro de Emprego Tahume vén da man dos Concellos de Porto do Son e Ribeira. As dúas especialidades activas da oitava edición de Tahume (aparellos de pesca, por unha banda, e cociña, pola outra) comezaron a súa andaina o pasado 3 de outubro, sendo a súa finalidade favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas dos dous municipios (Ribeira e Porto do Son) a través de formación especializada, avanzada e dunha índole marcadamente práctica, poñendo o foco na mocidade local. Un total de vinte alumnos e alumnas participan nesta convocatoria, unha edición dual con dúas especialidades distintas: por unha banda operacións básicas de cociña e pastelería e, pola outra, confección e montaxe de artes e aparellos.



