O pleno do Concello de Boiro celebrado este xoves 28 de setembro acordou fixar como festivos locais para o ano 2024 o día de San Xoán, luns 24 de xuño; e o día do Carme, martes 16 de xullo.
Segundo lembran dende o Executivo, corresponde ás administracións locais fixar dúas datas como festas locais que serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperábeis. Historicamente establécense en Boiro o 16 de xullo, festividade do Carme, e 31 de agosto, San Ramón de Bealo, cambiando algunha delas cando coinciden en fin de semana.
No pleno explicouse que “para o ano 2024 o 31 de agosto coincide nun sábado polo que, consultado co sector comercial, acordouse mudar ese día polo 24 de xuño, día de San Xoán, que coincidirá en luns”. A outra data mantense o 16 de xullo, día do Carme, que coincidirá en martes.



