O implicado perdeu a consciencia e sufriu unha caída que lle provocou feridas e unha lesión no nocello. Valorouse o seu rescate por terra, pero as escarpadas condicións do terreo levaron á intervención dun helicóptero de rescate de Salvamento Marítimo, que o evacuou ao aeroporto de Alvedro.
O 112 Galicia recibiu aviso deste suceso dez minutos despois das 15:30 horas desta tarde, a través dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Previamente, estes recibiran a chamada duns particulares que indicaban que o home caeu nunhas rochas xunto o mar no lugar da Curra, en San Mamede de Carnota.
A persoa atopábase pescando cando perdeu a consciencia e caeu. Foi el mesmo que espertou coa chegada da marea, retirándose cara atrás pero sendo incapaz de camiñar ao estar lesionado nunha perna.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción, ademais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, dos Bombeiros de Cee, do GES Muros e dos axentes da Garda Civil. Ademais, informouse aos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carnota.
Os servizos de emerxencias chegaron a valorar o rescate por terra, pero as difíciles condicións do terreo levounos a descartar esta opción. Finalmente, sería un helicóptero de rescate de Salvamento Marítimo o que o levou ata o aeroporto de Alvedro, onde estaba a agardar o persoal sanitario a bordo dunha ambulancia.




