O VI Circuíto de Carreiras Populares do Barbanza Arousa 4 carreiras, 1 meta comeza no 27 de agosto coa décimo cuarta edición da Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal. Trátase dunha cita deportiva xa consolidada no calendario de eventos da localidade e que, ademais, conta co apoio doutros organismos como a Deputación da Coruña, ao adscribirse ó IX Circuíto Provincial de Carreiras Populares, e a Federación Galega de Atletismo (FGA).
Durante o acto de presentación, celebrado este mércores 9 de agosto, o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, destacou a importancia desta proba que reúne un importante número de corredores/as de tódalas idades polo núcleo urbano. “Trátase”, dixo, de “fomentar un estilo de vida saudábel a través da práctica deportiva ao tempo que se dan a coñecer os recursos paisaxísticos dende outra perspectiva, contribuíndo así tamén á desestacionalización da demanda turística dentro das liñas estratéxicas do ente supramunicipal”.

Interviñeron tamén o presidente da FGA, Iván Sanmartín; o seu homólogo da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure; e a técnica municipal dos Deportes, Ana Romero, quen incidiron nas numerosas categorías de competición: dende a sub-6 ata a máster 4, ademais da modalidade da Sapatilla Inclusiva. Poderán participar, comentaron, os/as atletas que así o desexen, sexan federados/as ou non, e estarán baixo o control técnico do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
As saídas efectuaranse das 10.45 horas en diante dende a rúa Fernández Albor para, sucesivamente, cada categoría completar a distancia que lle corresponde. E, arredor das 13.30 horas, procederase coa entrega de premios no interior da praza Alcalde Segundo Durán, que se establece como meta.
Outorgaránselles trofeos ós/ás tres primeiros/as clasificados/as por categoría, repartiranse agasallos e 910 euros en premios ós/ás cinco primeiros/as clasificados/as da xeral, camiseta técnica para os/as participantes na proba absoluta e medallas para a sub-6 e sub-8. A maiores, daránselle 400 euros (200 euros na modalidade feminina e 200 euros na masculina) á mellor marca.
O prazo de inscricións permanecerá aberto ata as 14.00 horas do día 24 de agosto, trámite que se deberá formalizar a través da páxina web www.emesports.es. Será de balde dende a sub-6 á sub-16 e na Sapatilla Inclusiva, mentres que o importe se estipula nos 6 euros da sub-18 á máster.




