O Concello de Boiro, a través da Concellería de Medio Ambiente, vén de facer entrega de 63 novos composteiros que se suman aos máis de 250 que hai xa en vivendas unifamiliares do municipio. A concelleira de Medio Ambiente, Olga González, participou este mércores 16 de agosto pola tarde na entrega e formación dos composteiros en Abanqueiro.

“Con esta nova entrega son máis de 300 os fogares de Boiro que contan xa cun composteiro e que contribúen a reducir as emisións de dióxido de carbono e o uso de fertilizantes químicos”, afirmou a concelleira, engadindo que a experiencia do seguimento que se realiza cos composteiros indica que “a maior parte dos restos que se depositan son de materia sobrante da cociña, seguido de segaduras de horta” e “que o seu uso permite un aforro na xestión de residuos de entre 600 e 800 litros de desperdicio orgánico por familia”.
O Concello de Boiro adquiriu estes composteiros mediante unha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, co-financiadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliciencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationUE.
O obxectivo deste programa é avanzar na familiarización da compostaxe de cara á implantación do contedor da quinta fracción e lograr unha xestión máis sustentábel do lixo.
Todas aquelas persoas que se queiran inscribir no programa de Compostaxe Doméstica do Concello de Boiro poden facelo a través do departamento municipal de Medio Ambiente, no enderezo electrónico medioambiente@boiro.org ou no teléfono 981 377 585.



