A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) compartiu detalles sobre a presenza detectada de candorcas na ría de Arousa esta fin de semana. Segundo fai saber a coordinadora, este domingo a primeiro hora da mañá observáronse dous exemplares deste cetáceo dentro da ría de Arousa, nunha das viaxes de observación de aves que organiza Chasula Aves / Chasula Birds Chasula Isidro, con investigadores do CEMMA tamén a bordo.
Seguindo o protocolo de seguridade e ante a proximidade de veleiros, por prevención informouse ao centro de Salvamento Marítimo de Fisterra, que reportou os avisos pertinentes por radio e mobilizou embarcacións para facer un seguimento.
As fotografías obtidas serán compartidas co Orca Ibérica GTOA para cotexar co seu catálogo.

As candorcas (probabelmente as mesmas que se internaron na ría o domingo) tamén foron albiscadas o día anterior á altura de Sálvora, en mar aberto, circunstancia que unida ao rexistro dos cetáceos o domingo provocou que por motivos de seguridade non se puidese celebrar a segunda xornada da Regata GADIS, promovida desde o Club Náutico e Deportivo de Ribeira a favor da vela infantil e xuvenil.



