A Asociación Deportiva e Cultural A Arnela, en colaboración coa Xunta, a Federación Galega do Deporte e o Concello de Porto do Son (Concellaría de Cultura, Deportes, Turismo e Relacións Veciñais), organiza a sexta proba local (Portosín-Urbana) da Liga de Promoción de Orientación 2023. Será o vindeiro domingo 3 de setembro. As inscricións, que poden facerse en liña, estarán abertas até este martes 29 de agosto ás 23.00 horas. A proba levarase a cabo na vila de Portosín. Aparte dos percorridos de Iniciación curta e longa, tamén haberá un percorrido de nivel avanzado para as persoas federadas que queiran facer un bo adestramento.

En palabras da organización, a cita do domingo 3 será “unha oportunidade para colleitarmos os últimos puntos para a clasificación da Liga de Promoción de Orientación”. Trátase, en palabras da organización, dunha cita deportiva “apta para todas as idades e condicións físicas e é un xeito ideal de descubrir este pequeno e fermoso recuncho que agachamos en Porto do Son”.
Para quen non o saiba, o deporte de orientación é unha actividade que combina a práctica física coa navegación en plena natureza. Consiste en que cada participante, coa axuda dun mapa e un compás, tense que orientar por camiños descoñecidos ata atopar, nunha orde determinada, os puntos de control que se marcaron sobre o terreo. O reto deberá facerse no menor tempo posíbel. Estes puntos de control poden ser balizas ou estar marcados de forma electrónica e adoitan situarse en zonas de difícil acceso.



