O Concello de Boiro convocou unha liña de axudas destinadas a “facer fronte a gastos específicos para persoas con recursos insuficientes co obxectivo de paliar situacións de exclusión social.” O Boletín Oficial da Provincia publicou as bases reguladoras das axudas do POS+ 2023 para gastos sociais extraordinarios e a súa convocatoria.
A finalidade destas axudas é “dar resposta a situacións puntuais de necesidade derivadas de gastos específicos relacionados con necesidades básicas”, explicou o Concello, engadindo que estes apoios contemplan tres liñas, que son o reforzo dos servizos e axudas económicas para o respiro familiar e medidas de conciliación, reforzo dos dispositivos para persoas sen fogar e axudas económicas para os gastos de consumo enerxético.
O importe destinado para atender as solicitudes destas axudas ascende aos 30.829,98 euros para as tres liñas dispoñíbeis, podendo realizarse varias solicitudes dentro da mesma unidade familiar. Entre os requisitos para acceder a elas están o empadroamento o termo municipal de Boiro por unha antigüidade superior a 6 meses, que a unidade familiar non dispoña dos ingresos suficientes seguindo o establecido nas bases.
As solicitudes formalizaranse presentando o modelo de solicitude dispoñíbel na web municipal e no departamento de Servizos Sociais, así como a documentación requirida antes do 15 de decembro de 2023, debendo xustificarse o gasto antes do 31 de decembro. A asignación de axudas será por orde de solicitude ata esgotar o crédito destinado a cada unha das liñas.



