A Asociación de Empresarios de Ribeira fixo balance dos froitos acadados coa segunda edición do seu salón Gastromar, a feira de produtos pesqueiros e marisqueiros locais organizada esta pasada fin de semana na praza de España da cidade con gran afluencia de público e entidades.

“Foi un rotundo éxito de participación”, sinalou a entidade, que, no capítulo de agradecementos destacou o “apoio brindado por todas as persoas, foráneas ou residentes que coa súa presenza fixeron realidade a aposta da patronal por potenciar os produtos do mar que a nosa frota captura, mediante a súa posta en valor cunhas preparacións que foron presentadas na feira que acabamos de celebrar”. E engadiu a asociación: “Agradecemos aos asistentes e ás autoridades que coa súa presenza non só deron realce ao evento, senón que ademais manifestaron a súa firme intención de dar cobertura e apoio institucional para que esta feira Gastromar sexa referencia en Galicia, e unha xanela a España e ao mundo das excelencias dos nosos produtos”.

Máis concretamente, a patronal celebrou a presenza do conselleiro de Pesca, Alfonso Villares Bermúdez, o director xeral de Pesca, Antonio Basanta, o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Alvarez Vidal, e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral. A patronal tamén fixo mención especial ao apoio brindado pola ex-conselleira do Mar, Rosa Quintana, “alma mater do nacemento e desenvolvemento desta festa”.
Igualmente, a asociación puxo en valor o apoio achegando dende a empresa Chicolino e dende todas as firmas “que participaron no desenvolvemento da nosa festa, porque foi unha festa ver as casetas do polbo cos seus viveiros que asombraron a propios e estraños que o Restaurante Tío Pepe e polbeira Pallón montaron”.

A patronal tamén enxalzou a calidade “inmellorábel” do lirio e a sardiña achegados pola Cooperativa do Mar de Ribeira, “a calidade suprema” do mexillón de OPMEGA, as navallas e ameixas e nécoras das confrarías de Aguiño e Ribeira, e “a non menos importante posta en escena dos viños cos que nos regou o padal A Caseira, asi como o apoio dos sectores do mar que nos requiriron para participar en próximas edicións”.




