A plataforma contra os vertidos da mina de San Finx (Lousame) desvelou os resultados das analíticas feitas o pasado 11 de agosto polos técnicos de Augas de Galicia augas arriba e augas abaixo da mina de San Finx, en Lousame. Nos resultados de laboratorio faise saber que augas abaixo das balsas da mina os niveis de cadmio, substancia perigosa prioritaria e elemento canceríxeno, superan 78 veces o valor máximo permitido pola lexislación. O mesmo sucede para outros metais pesados como o cobre ou o cinc, para os que se superan 48 veces e 8 veces respectivamente os valores máximos permitidos.

En contraste con estes datos, na mostra tomada augas arriba, na zona do museo, os valores encontrábanse dentro da legalidade, o que “evidencia que a contaminación se produce polas vertidos ilegais e lixiviados que continúa causando a mina”, explican dende a plataforma, engadindo que “por este motivo esiximos á Xunta que inicie os correspondentes expedientes sancionadores por vertidos ilegais e retire á empresa mineira a autorización de verteduras concedida ilegalmente no pasado mes de febreiro, por vulneración do condicionado”.
Por outra parte, as confrarías de Noia e Portosín, que iniciaron un proceso penal contra a empresa mineira por presuntos delitos contra o medio ambiente, xa trasladaron estas novas evidencias ao Xulgado instrutor da causa en Noia, solicitando que adopte medidas cautelares para evitar a continuidade do dano.
Procesos xudiciais pendentes
Á marxe da causa penal, a plataforma lembra que xa están en curso varios procesos xudiciais contra a propia autorización de verteduras, desta volta sendo os xulgados do contencioso de Santiago “os que terán que resolver sobre a legalidade do permiso outorgado o pasado mes de febreiro”, explican dende as organizacións ecoloxistas e de pescadores locais, poñendo o foco na “avalancha de demandas unha vez que Augas de Galicia aínda non resolver os máis de 20 recursos de alzada presentados contra a autorización, incluíndo os das confrarías de Noia, Portosín, Porto do Son, Muros e Rianxo, as organizacións de produtores de mexillón Olvimar e a APM da Pobra, así como Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega, ADEGA, Verdegaia, Sociedade Galea de Historia Natural, Montescola, Sindicato Labrego Galego, Tralapena e Salvemos Monteferro”.
Para a plataforma comarcal os recursos presentados evidencian “a enorme oposición social a unha autorización ilegal que se outorgou tras sete anos de irregularidades”. Din ademais que “os propios altos cargos e funcionarios da Xunta que outorgaron a autorización de vertidos están imputados nunha causa xudicial paralela por presuntos delitos de prevaricación, malversación e falsidade documental”.



